A CIG lanza unha campaña cun cento de medidas concretas para saír da crise

A CIG lanza unha campaña cun cento de medidas concretas para saír da crise
Copia de Diario de Ferrol-2013-10-09-013-98f7775e

Os responsables comarcais da CIG, Xesús Anxo López Pintos e Manuel Grandal, presentaron onte a campaña que a central lanza en toda Galicia en defensa dun cento de medidas para saír desta crise creando riqueza e emprego. “Existen alternativas”, subliñaron os responsables sindicais, que anunciaron para os días 14 e 16, luns e mércores da vindeira semana, dúas marchas que sairán de San Valentín e Río do Pozo, respectivamente, e levarán as propostas aos concellos de Fene e Neda, a primeira, e Narón e Ferrol, a segunda.
O documento elaborado pola CIG foi presentado xa no Parlamento de Galicia como Iniciativa Lexislativa Popular. A pretensión do sindicato, tal como onte explicou Manuel Grandal, é que sexa obxecto de debate no tecido social e nas institucións, tanto nos concellos como na cámara autonómica. Algunhas das cen propostas son consumir preferentemente produtos galegos; elaborar un plan industrial que potencie os sectores propios; actuacións en política enerxética que permitan, entre outras cousas, rebaixar un 30% as peaxes da tarifa eléctrica; aumentar o investimento en I+D+i; defender o límite das 35 horas de traballo semanais; a dignificación dos salarios; potenciar o transporte ferroviario; modificar as políticas fiscais para que sexan máis equitativas e redistributivas; banca pública e instituto de creto galegos, entre outras. Para o sector naval, a CIG defende un complexo na ría de Ferrol con participación da Xunta e un holding entre os estaleiros de Vigo con capital público e privado.
Unha vez que a Iniciativa Lexislativa Popular sexa admitida a trámite no Parlamento Galego, o sindicato comezará a recollida de sinaturas. Son necesarias 15.000 para o debate do texto na Cámara, pero a central espera contar con moito máis respaldo social á súa proposta. A Asemblea de Desempregados da comarca de Ferrol terá un papel protagonista no desenvolvemento desta campaña, informaron onte os responsables comarcais.
As mobilizacións que en Ferrol terán lugar os días 14 e 16 e que se desenvolverán tamén noutras vilas galegas, rematarán cunha manifestación que se espera masiva en Santiago de Compostela, o día 19. A saída será ás doce do mediodía dende a Alameda.

A CIG lanza unha campaña cun cento de medidas concretas para saír da crise

Te puede interesar