Antonio Cartelle percorre a historia musical de Mugardos ao longo dos últimos cen anos

O Concello de Mugardos presentará esta tarde, ás 19.00 horas no Casino Mugardés, o libro “Historia Musical da Real Vila de Mugardos 1900-2015”, obra de Antonio Cartelle Vilasánchez.
A alcaldesa da vila, Pilar Díaz, e a concelleira de Cultura, Lola González, reuníronse nos últimos días co autor para falar do libro e do acto, no que haberá música da Rondalla Mugardesa como colofón.
Desde o Concello mugardés lembran que a vida de Antonio Cartelle Vilasánchez está intimamente ligada á música desde a súa infancia, cando empezou a estudar solfexo e violín.
Na súa xuventude formou parte da Orquestra López Malde, de Ferrol, e posteriormente foi fundador en Mugardos da orquestra de punteo “La Lira Mugardesa”, da que foi director, e da “Asociación Trobo del Alba”, antecedente da actual Rondalla Mugardesa e que tamén dirixiu. Toda a súa vida estivo vencellada á música como instrumentista, director ou compositor, tanto para grupos propios como alleos.
Hai dous anos comezou traballar na recompilación de información para facer o libro da historia musical de Mugardos. Segundo explica, fíxoo porque ninguén máis se animaba e pensou que é importante deixar constancia da especial relación que a súa vila mantivo e mantén coa música. Remontouse ao ano 1900 para reunir imaxes, referencias de eventos, letras de cancións e testemuños e plasmalo no libro que se presenta esta tarde.
O autor, de 86 anos, estará acompañado no acto pola alcaldesa da vila, Pilar Díaz, e a concelleira de Cultura, Lola González, ademais de todos os veciños que desexen asistir a un evento que serve tamén para renderlle unha homenaxe. l

Antonio Cartelle percorre a historia musical de Mugardos ao longo dos últimos cen anos

Te puede interesar