A Casa da Cultura fenesa acolle hoxe a presentación do catálogo da exposición de Pérez Porto

A Casa da Cultura fenesa acolle hoxe a presentación do catálogo da exposición de Pérez Porto
O destacado ceramista, diante do Monumento ó Paiaso, en Fene

Francisco Pérez Porto presentará esta tarde en Fene o catálogo da exposición “Cerámicas Pérez Porto”. Será a partir das 20 horas na Casa da Cultura e no acto estará acompañado polo editor e xestor cultural Pedro Blanco Llano e polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego. Trátase dun acto con entrada libre, ó que está convidada toda a veciñanza, que recibirá un exemplar do devandito catálogo.
O libreto da exposición “Cerámicas Pérez Porto”, que puido visitarse no Museo do Humor entre o 21 de decembro de 2017 e o 28 de febreiro de 2018, foi editado pola Deputación da Coruña e, en palabras do seu presidente, Valentín González Formoso, “xorde como homenaxe a Francisco Pérez Porto, un dos artistas galegos máis versátiles e recoñecidos pola orixinalidade e do seu traballo como escultor e ceramista”. Pola súa parte, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, salienta do artista que “a súa cerámica bota raíces profundas nas tradicións galegas e, marabillosamente, elévaas por riba de territorios e fronteiras”. Para Galego a súa obra “fala o idioma universal, atemporal e que todo o mundo entende; a linguaxe das emocións. E a partir de aí, as pezas perden o seu corpo para evocar, inspirar, motivar ou reflexionar dende unha perspectiva máis que propia e característica, única”.
O catálogo inclúe textos de: Antón Cortizas, Lois Diéguez, Felipe Senén, Siro, Xaquín Marín, Mago Antón, Carme Romero. Tamén recupera vellos textos de diversos autores. Así mesmo, na obra amósanse fotografías das pezas que formaron parte da mostra. l

A Casa da Cultura fenesa acolle hoxe a presentación do catálogo da exposición de Pérez Porto

Te puede interesar