Un investigador do CIT publica un artigo sobre enerxía solar en Advanced Materials

Un investigador do CIT publica un artigo sobre enerxía solar en Advanced Materials
O investigador Jaime Martín | cedida

A prestixiosa revista Advanced Materials vén de publicar un artigo que conta cun docente da Politécnica como un dos seus investigadores principais. Trátase dun traballo no que se presenta unha metodoloxía experimental para cuantificar a composición das células solares, segundo indican desde a Universidade da Coruña, o que permitirá o deseño de dispositivos “máis eficientes e estables”.

O traballo permite avanzar na composición das células solares orgánicas, nas que, para o seu maior rendemento, conviven “rexións onde os compostos están ben mesturados” e outras nas que os materiais se atopan puros. Ambas son precisas pero ata o de agora non se dispoñía das ferramentas necesarias para medir o grao de mestura dos compostos. É neste ámbito onde é relevante o artigo “The Importance of Quantifying the Composition of the Amorphous Intermixed Phase in Organic Solar Cells”, que presenta unha metodoloxía experimental, baseada na nanocalorimetría, que permite cuantificar o grao de mestura.

O artigo pon de relevo, explican desde a UDC, que “sorprendentemente, aínda que un sistema pouco mesturado é xa capaz de xerar cargas eléctricas suficientes, non permite unha adecuada extracción desas cargas e, por tanto a xeración de corrente”. De modo que “o transporte das cargas é só eficiente en células solares que inclúen rexións moi mesturadas”.

O traballo liderado por Jaime Martín, investigador adscrito ao Grupo de Polímeros da UDC, contou coa colaboración de investigadores da universidade do País Vasco, así como de Estados Unidos e do Reino Unido, o Centro de Física de Materiais do CSIC e o Sincrotrón Alba (un complexo de aceleradores de electróns).

Martín, investigador do Centro de Investigacións Tecnolóxicas e docente na Politécnica, traballa en Ferrol a través das axudas para contratos Ramón y Cajal. Trátase dun programa que promove a incorporación de investigadores nacionais e estranxeiros con traxectoria destacada en centros de I+D.

Un investigador do CIT publica un artigo sobre enerxía solar en Advanced Materials

Te puede interesar