Os murais de Xaime Quessada saen do esquecemento para lucir no Auditorio

Os murais de Xaime Quessada saen do esquecemento para lucir no Auditorio
Auditorio de Ferrol presentación Murales de Xaime Quessada

Xaime Quessada Porto naceu e morreu en Ourense (1937-2007). A súa enorme proxección internacional levouno, no decurso do camiño da súa vida, por multitude de cidades e lugares de todo o mundo, onde tivo oportunidade de deixar a súa pegada.
Ferrol foi unha delas e aquí, o recoñecido artista plástico, realizou dous inmensos murais dunha notoria calidade artística mais tamén cunha importante carga de compromiso social.
O primeiro foi pintado en 1982 por encargo do PCG en pleno debate social pola entrada de España na OTAN para se manifestar en contra da Alianza Atlántica. Varias xornadas investiría o pintor na elaboración, na praza de Armas, dunha obra que, ao estilo do Guernica de Picasso, amosaba unha gran explosición nuclear e os seus efectos destrutivos para a cidadanía. Doado polo PCG ao Concello de Ferrol, a creación pasou pouco despois o esquecemento coa súa almacenaxe en dependencias municipais.
O mesmo ocorriría dous décadas despois, en 2002, coa obra encargada a Quessada entón polo Comité Cidadán de Emerxencia en sinal de protesta e denuncia antes a instalación da planta de gas de Reganosa na ría de Ferrol. De novo coa praza de Armas como escenario para a realización do mural, Quessada plasmou sobre taboleiros de aglomerado, nun traballo que se prolongou durante tres días e tres noites, a dualidade entre a vida e a morte, ou a beleza e a barbarie. Cedida tamén ao goberno local, a obra correría a mesma sorte co anterior para rematar oculto entre as paredes do arquivo municipal –na actualidade estaban almacenados no Torrente Ballester–.

recuperación
Agora, e da man do novo goberno ferrolán, estas dúas importantes obras, “Alegoría pola paz” (1982) –duns 16 metros de largo por 4 de alto– e “Mural no que se manifestan os conceptos da vida e morte” (2002) –20 de largo por 3 de alto, aproximadamente– saen da escuridade e do esquecemento para lucir  nas paredes do Auditorio ferrolán. Alí foron instalados, entre o recibidor da planta baixa e o primeiro andar, e alí quedarán de forma permanente para disfrute de toda a cidadanía e como parte do patrimonio artístico do Concello ferrolán.
As impresionantes creacións do polifacético Quessada foron presentadas no decurso dun acto que contou coa presenza do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez; os concelleiros de Cultura e Patrimonio, Suso Basterrechea e Rosa Méndez, respectivamente; a presidenta da Fundación Xaime Quessada, María Jesús Blanco; así como membros da entidade sociocultural Fuco Buxán, unha das principais impulsoras do proxecto para recuperar os murais. Todos eles lembraron a estreita vinculación do recoñecido artista plástico ourensán coa cidade ferrolá e co movemento obreiro que tanto pelexou polas liberdades e a defensa dos dereitos dos traballadores, principios e valores que tamén formaban parte do ADN do propio Quessada. “Siempre se sintió muy unido a esta ciudad y a su movimiento obrero, porque creía que era una lucha necesaria. La recuperación de estas obras ha sido una de las cosas más emocionantes para nuestra Fundación”, salientaba onte a súa viuva e presidenta da entidade que leva o nome do pitor.

"o pequeno guernica" 
O rexedor ferrolán, Jorge Suárez, tildou de histórico o día de onte por “poder recuperar estes murais que estaban semiagochados en que reflicten a loita de moitos ferroláns contra a OTAN e contra a instalación da pranta de gas. Forma parte do movemento social da cidade, e telo aquí é un fito histórico que xa se deu en chamar o ‘pequeno Gernika” de Ferrol, que eu comparto nas dimensións e na calidade artística”, dixo. Basterrechea cualificou tamén o día como “extraordinario para a cultura galega” pola vontade que tivo o goberno local de recuperar un patrimonio enorme para a cidade”. O custe do transporte e instalación das obras cifrouse en 6.000 euros.

Os murais de Xaime Quessada saen do esquecemento para lucir no Auditorio

Te puede interesar