De novo na encrucillada electoral (XXXIV)

|

Polo que se viu nas entregas anteriores, a medida que o nacionalismo daba mostras de avanzar na súa definición política atopaba rápidas respostas contrarias de boa parte da prensa. Esa oposición, en boa lóxica, obedecía a que moitas das prédicas dos nacionalistas ían tendo acollida en diferentes lugares nos que non había outra presenza que a do caciquismo.
Como exemplo –circunscrito ao Distrito da Estrada– destas mudanzas, penso que pode servir o artigo “Todos rexionalistas” de Antón Losada Diéguez, aparecido no Parrafeo 47, de 21 de xaneiro de 1919, d’O Tío Marcos d’a Portela, e reproducido un par de semanas despois n’A Nosa Terra. O douto catedrático de Filosofía, que coñecía ben esa zona por ter participado na formación de sindicatos agrarios nela, por ter casado alí e por ter sido candidato a deputado polo seu distrito en 1918, comezaba este seu artigo aludindo, precisamente, ao feito electoral: “Fai un ano que no Distrito da Estrada ergueuse a bandeira  rexionalista como ideale redentor da nobre y-azoutada terra gallega. Fixáronse os xenerosos rapaces loitadores no nome pra lles acompañar no novo camiño e presentar o preito a todo o feixe de caciques acougados baixo de Riestra y-o Riestra mesmo.
E foi por entonces cando os tiranos de Galicia, os qu’asoballaron sempre toda ideia forte e redentora, encheron de cuspe e de lama as nosas predicaciós rexionalistas y-as nosas arelas de libertade gallega”. Comenta que apoiándose nos caciques de vilas e aldeas “correron a voz de qu’os rexionalistas éramos enemigos da pátrea vendidos ós cataláns”. Mais, como as cousas foran mudando, aqueles caciques, para non verse fóra da política dos cambios, “fixéronse rexionalistas, e dixeron a todol-os ventos que o probrema da vida rexional é o que mais cedo se ha de resolver en España pra que España non morra”. E así, “os que fai un ano loitaban contra os rexionalistas como criados de Riestra, son os mismos que hoxe chámanse rexionalistas”. E mesmo o alcalde da Estrada convocara as sociedades agrarias para pedir a autonomía de Galicia, “que é o mesmo que fai un ano viñamos pedindo os meus amigos y-eu”.
Nesta mesma liña crítica dos “todos regionalistas” habería que situar tamén este irónico comentario aparecido na sección “Peneirando...” d’A Nosa Terra de 15 de maio: “Temos que protestar contra a grande inxusticia que se pretende facere. O chistoso xornal cruñés El Ideal de García non soa pra órgao do nacente partido rexionalista, o cal quer decire que ninguén se lembrou d’el”.
Como consecuencia da situación creada pola folga xeral iniciada o 5 de febreiro en Barcelona, o 25 de marzo de 1919, o presidente do Consello de Ministros, conde de Romanones, asinou a suspensión de garantías constitucionais en todo o Estado. Coa folga finalizada, Romanones deixou o goberno, despois de ter asinado o Decreto da xornada laboral de 8 horas, e pouco despois convocaríanse de novo eleccións.
Nesa altura a Irmandade debía celebrar xuntanza xeral e dada a situación de  suspensión de dereitos e liberdades, o presidente Peña Novo viuse na obriga de remitir, con data de 10 de maio, o seguinte escrito ao Gobernador Civil da provincia da Coruña:
“Don Luis Peña Novo, abogado, mayor de edad, habitante en la calle de la Barrera nº 12, 3º y presidente de la Sociedad “Irmandade da Fala” de esta Capital a Usía expone:
Que la Junta directiva de la mencionada Sociedad acordó convocar a junta general para mañana, día once, a las 4 de la tarde en su local social, paseo del Relleno, para renovar la Junta directiva y someter a la general la aprobación de cuentas, según ordena su Reglamento. Y como se hallan suspendidas las garantías constitucionales; a Usía
Suplico se digne otorgar el oportuno para la referida reunión en atención a que se trata de cumplir aquello que ordena el Reglamento de una Sociedad para su funcionamiento normal”.
A reunión, finalmente, non tería lugar o domingo día 11 senón o seguinte, o 18. Como era preceptivo, con data de día 20, en escrito asinado polo secretario saínte, Bernardino Varela do Campo, comunícouselle a composición da nova directiva ao Gobernador Civil:
“Tengo el gusto de comunicar a V.S. que, en la Junta General ordinaria que tuvo lugar a las doce de la mañana del domingo 18 del corriente, para la elección  de cargos del nuevo Consejo directivo, han sido elegidos por mayoría de votos los señores siguientes: Conselleiro 1º. D.Luis Peña Novo; Conselleiro 2º D. Francisco M. Balboa; Tesoureiro, D. Victoriano Veiga; Contador, D. Francisco Abelaira; Segredario, D. José Sarmiento Tabares; Vice, D. Federico Rodríguez Chás; Bibriotecario, D. Antonio Villar Ponte; Vocales, D. Marcelino Carballo; D. Jorge Parga; D. Luis de la Fuente; D. Isidro Mira; y D. Gerardo Roel.
Lo que comunico a V.S. para los efectos consiguientes.
Dios guarde a V.S. muchos años. La Coruña, 20 de Mayo de 1.919”.
Os diarios El Orzán e El Ideal Gallego, do propio día 20, informaban desa elección, incluíndo a relación dos electos, agás o nome de D. Jorge Parga. O primeiro deles, no solto “La Irmandade da Fala”, daba conta, ademais, de que a Xunta Suprema das Irmandades acordara, “previo estudio de todas las opiniones que por escrito emitieron los representantes del Directorio del partido nacionalista gallego, abstenerse de presentar candidatos en las próximas elecciones”. Informaba tamén de que a mesma Xunta redactara un manifesto que se repartiría de maneira profusa para que quedase claramente xustificada perante a opinión pública a súa actitude.
Ese “Manifesto do partido nazonalista galego” insertábao A Nosa Terra na primeira plana do número de 25 de maio. Entre as razóns alegadas figuraba a seguinte: “Non sancionaremos endexamais c’o noso concurso unha ficción legal como esta”, o que non significaba que o feito de non intervir “na figuracion de loita eleitoral que se vai repersentar no taboado políteco da nosa terra, a cencia e pacencia de todos” os nacionalistas galegos non ían deixar nin por un instante”de proseguil-a nosa porpaganda pr’espertar, varil e valente, o esprito do pobo de Galicia”.
As eleccións, que tiveron lugar o 1 de xuño, gañaríanas os conservadores de Maura e a Lliga Regionalista, encabezada por Cambó, perdería 7 escanos, pasando de 21 a 14 deputados.
Poucos días despois, no número d’A Nosa Terra de 5 de xuño, os lectores da publicación podía ler “Un consello do poeta da Raza”, Ramón Cabanillas:
“Temos que dar a impresión de que os nazonalistas galegos movémonos no ar lumioso.
Fixemos ben en non loitar para non dar xeito  de legalidade ó que foi unha innobre farsa, vista xa dende que Maura guindando con todo o seu prestixo persoal, faguia causa común c’os asoballadores da Galicia, c’os Bugallal e Besada, dos que dixera denantes, que estaba arredado, por outos sentimentos de moralidade.
Eu esquirbin a un sinificado político maurista e díxenlle que si Maura transioxía con Besada e Bugallal, o galeguismo faríase ‘carbonario’.
E, honradamente, penso que debemos faguelo!
¡Viva a formiga branca! ¡Terra a nosa!”.
 

De novo na encrucillada electoral (XXXIV)