“Se alguén quere ter unha carreira no mundo da lírica a esixencia ten que ser a máxima”

“Se alguén quere ter unha carreira no mundo da lírica a esixencia ten que ser a máxima”
patricia rodriguez rico

Entre as novas voces da lírica ferrolá destaca a da soprano Patricia Rodríguez Rico, unha cantante que a pesar da súa mocidade ten xa unha traxectoria notable. Mañá ás 20.00 horas recibe no Teatro Jofre o Premio Gregorio Baudot que anualmente entrega a SAF. Canda ela será recoñecido o seu pianista habitual, o profesor Manuel Burgueras García, acompañante tamén de intérpretes como Montserrat Caballé, unha referencia que non perde de vista Patricia Rodríguez. No acto do Jofre actuarán tamén Manuel Ruibal “Caruso” e o pianista Ricardo Blanco, que presentarán o himno da SAF.

¿Como recibiu o anuncio deste premio?
Foi unha alegría, un anuncio inesperado porque os premios chegan despois dunha carreira longa, cando xa tes un camiño feito que eu aínda estou comezando a andar. Pero estou moi feliz, certamente síntome moi contenta. Da miña cidade só podo dicir cousas boas, sempre me apoiou.

Xunto con vostede prémiase o traballo do seu pianista habitual, Manuel Burgueras, que antes fora profesor seu.
Efectivamente, cando cheguei a Madrid en 2007 foi profesor meu e fomos facendo unha boa amizade e  con gañas de facer cousas xuntos. El ten un enorme prestixio, acompañou moitas veces a Montserrat Caballé e outras figuras, pero é moi acesible e moi humano. Teño que agradecerlle que vise cousas en min que eu non percibía e que teña un grao de esixencia enorme. De feito se alguén quere ter opción dunha carreira profesional nisto, a esixencia ten que ser máxima.

¿Que cualidades ten que ter alguén que se quera adicar á canción lírica?
A voz necesita madurecer, e iso en cinco meses non se fai. Leva moito traballo físico pero tamén mental. Para subirse a un escenario hai que ter madurez e poder estar á altura, aínda que hoxe esa etapa intermedia se descoide a e xente, como pasa nalgúns programas de televisión, se poña a cantar dun día para outro, co cal a voz acabará dándolle problemas.

Vostede non quere que lle suceda iso.
Quero coidar a voz e ter unha carreira longa. Antes dos 30 anos é difícil destacar, e os mellores anos son entre os 30 e os 50, aínda que hai casos de cantantes que con máis de 60 anos deron o mellor de si.

¿Como empezou a cantar?
Estudiei piano desde os 7 anos, pero o de cantar non o sentín ata os 15, pero xa foi con forza. Os primeiros pasos foron case de casualidade no coro Padre Fanego, e logo xa foi na Orquesta da Sinfónica de Galicia, onde tiven clara a miña vocación persoal. Logo marchei a Alemaña e fixen xiras por todo o continente coa Europa ChorAkademie. Alí empapeime e compartimos escenario coa Plácido Domingo ou coa Filarmónica de Londres.

Sen embargo continuou formándose aquí.
Si cambiei o conservatorio de Ferrol polo de Culleredo, porque alí había canto e fixen o grao medio, que son seis anos, en dous. Logo, durante un ano, ía semanalmente a Oviedo no FEVE. A miña profesora estaba asombrada. Eran sete hotras de traxecto e 105 paradas! Logo marchei a Madrid, onde coñecín ao profesor Burgueras, e de novo quixen acabar de formarme e volvín para Oviedo, pero xa vivindo alí unha temporada.

¿Cales foron os momentos que recorda con máis cariño nesta etapa profesional?
Os traballos que estrenei de Guillermo Martínez, un excelente compositor asturiano actual. Tamén o meu debut operístico no “Nabucco” na Coruña hai un par de anos, compartindo escenario con Leo Nucci, unha auténtica lenda.

¿E os seus referentes como soprano?
A cantante eslovaca Edita Gruberová  e a norteamericana Barbara Bonney.

Que proxectos manexa na actualidade.
Continúo formándome en Madrid coa profesora e cantante Alicia Nafé, e xa no terreo das actuacións, en decembro participarei en Santiago e Vigo na zarzuela “La flor del agua”, de Conrado del Campo e Víctor Said Armesto coa Real Filharmonía de Galicia, e no mes de xuño farei coa Sinfónica de Galicia “A frauta máxica” na Coruña.

“Se alguén quere ter unha carreira no mundo da lírica a esixencia ten que ser a máxima”

Te puede interesar