Baixan en once persoas os afectados nos centros educativos da comarca

Baixan en once persoas os afectados nos centros educativos da comarca
A situación dos centros escolares apenas variou dende o día 14 | jorge meis

O balance de positivos de coronavirus nas escolas da comarca continúa a súa tendencia descendente –dende o último informe, correspondente ao día 14–, se ben a afectación por centros educativos apenas sufriu cambios.

En total, os centros de ensino contan con once casos menos globais, o que se traduce na saída do listado de seis instalacións afectadas –CPR Ayala, en Narón; Escola Infantil de Piñeiros; IES Leixa, en Ferrol; CEIP Santa María, en As Pontes; CEIP da Barqueira, en Cerdido; e IES Punta Candieira, en Cedeira–. Lamentablemente, outras cinco que ata o de agora non contaban con ningún positivo incorporáronse á listaxe –CEIP A Gándara, en Narón; CPR Ludy, IES Carvalho Calero e CEIP Manuel Masdías de Ferrol; e IES Fernando Esquío de Neda–.

 

Estabilidade en Ferrol

En canto á afectación do virus na Área Sanitaria de Ferrol, a tendencia á baixa sufriu unha notable desaceleración, con nove casos totais menos –onte foron 55–, e unha relativa estabilidade entre o número de novos positivos (49) e de altas médicas (46).

Neste sentido, o hospital Arquitecto Marcide conta con 46 persoas en planta –cinco menos– e unha máis na UCI (12), aínda que non se especificou se algunha desas cinco foi en realidade trasladada ás unidades de coidados intensivos.

Por outra banda, a situación das residencias empeorou lixeramente nas últimas horas, cun novo positivo entre os usuarios da centro de maiores Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume –alcanzando os cinco residentes afectados– e outros dous entre os empregados do centro de maiores de Caranza.

Baixan en once persoas os afectados nos centros educativos da comarca

Te puede interesar