A plataforma contra a taxa esixe que se aclaren os custes do saneamento

A plataforma contra a taxa esixe que se aclaren os custes do saneamento
Rueda de prensa de la plataforma contra la tasa de saneamiento

A plataforma contra a taxa de saneamento esixe ó Concello que aclare como se fai o cálculo para decidir o que se lle cobra ós veciños. Afirma un dos seus portavoces, Alexandre Carrodeguas, que hai un baile de cifras con importantes diferencias á hora de falar da explotación e mantemento do servizo, que é o que se pasa ó cobro ós veciños. “Que estamos financiando?, Quen se está lucrando?”, apunta. “Que nos expliquen os custes reais”. Ademais piden que se declaren nulos os recibos emitidos, que consideran ilegais por cobrárselles a barrios que aínda non están conectados á rede pero tamén porque se emitiron cunha data anterior á publicación do padrón no Boletín Oficial da Provincia (que se fixo o día 6 de marzo, mentres que as facturas son de finais de xaneiro). “Cal é entón o período voluntario de cobro se segundo o BOP é ata o día 6 de maio?”. Tamén fan un chamamento ós cidadáns para que mañá sábado, ás 10.30 horas, acudan masivamente a entregar os recursos contra a taxa ó Rexistro.
Alexandre Carrodeguas considera que os custes de bombeo para o 2015 non están aclarados, porque o edil Alejandro Langtry no pleno cifrounos nun millón de euros, mentres que “nunha auditoría de Audigal para Emafesa é de 600.000 para o 2015 e de 1.400.000 (980.000 para Ferrol) en 2016. O deputado Miguel Tellado nun artigo en Diario de Ferrol di que son cerca de dous millóns e no BOP publícase que no período de setembro a decembro de 2014 o que hai que pagar son 966.245,80 euros. De onde saen os cálculos?”.

campaña informativa
A plataforma contra a taxa de saneamento valora a boa resposta cidadá ante a campaña de información que se desenvolveu nos barrios, a través de distintas entidades veciñais, nas dúas últimas semanas. Houbo auditorios, como o do Centro Cívico, que quedaron pequenos para acoller á xente que se achegou para resolver dúbidas e cumprimentar o recurso. “A indignación é xeralizada na cidade”, apunta Carrodeguas.
Agardan que a mobilización de mañá sábado, coa que pensan colapsar o Rexistro en sinal de protesta, sexa un éxito. A plataforma considera que o cobro do recibo é ilegal e continuará coas medidas xudiciais que sexan necesarias. Este paso de entrega de recursos no Rexistro será seguido, xa que se agarda silencio administrativo por parte do Concello, polo que se recurrirá ó Tribunal Económico-Administrativo e, de aí, irase á vía contencioso-administrativa nos xulgados, nun proceso de anos.

A plataforma contra a taxa esixe que se aclaren os custes do saneamento

Te puede interesar