Primeiro Patrimonio da Cidade; despois Patrimonio Mundial (F.T.V.)
Na Comunidade de Galicia, ademais das históricas rutas do Camiño de Santiago, un dos máis salientables xermolos da cultura europea, teñen a consideración de Patrimonio da Humanidade a Muralla Romana de Lugo e a Torre de Hércules da Coruña. No seu proceso cara á UNESCO, ambas candidaturas estiveron lideradas, como non podía ser menos, polos respectivos Concellos, sendo ademais apoiadas de xeito unánime polos propios veciños, as institucións cidadás e as asociacións culturais.
O 24 de febreiro do ano 2001, fai agora quince anos, nunha sesión conxunta do Concello de Ferrol e a Real Academia Galega de Belas Artes formulouse unha proposta para declarar Patrimonio da Humanidade ao conxunto do Arsenal e Castelos da Ría de Ferrol.
A esta proposta inicial máis tarde engadiuse o barrio a Madalena, considerado Conxunto Histórico-Artístico desde o ano 1984. A proposta aprobada recoñecía o alto valor patrimonial do conxunto histórico do Ferrol da Ilustración, caracterizado por un avanzado deseño do urbanismo e unha moderna enxeñería hidráulica e de fortificación, baixo as normas do clasicismo e o academicismo ilustrado.
En resumo, un notable conxunto de Bens Culturais en excelente estado de conservación, dotados de autenticidade e integridade.
Comezou entón, baixo a dirección e o soporte económico do Concello, a preparación da candidatura de Ferrol da Ilustración cara a Patrimonio da Humanidade, dedicándose un grupo de traballo a recompilar a necesaria información documental e bibliográfica.
Neste labor, de innegable importancia, se marxinou á Universidade de Ferrol, aos Colexios de Enxeñeiros Navais e de Arquitectos, e ás asociacións culturais, rexistrando ademais unha total falta de información aos cidadáns. A maiores o proceso evidenciou o total desinterese das Asociacións Empresariais, Cámara de Comercio, Armada Española e Autoridade Portuaria, contando ademais dun nulo apoio pola parte da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia.
A seguir se comezou a dar voltas e reviravoltas en torno á creación dun Padroado, un Consorcio ou unha Fundación para seguir co proceso, na vez de nomear un equipo xestor técnico e económico que fora quen de redactar os necesarios Plans de Uso e Xestión dos numerosos bens do expediente de acordo aos criterios da UNESCO, para a súa posta en valor.
Máis adiante, á vista do pouco avance do proxecto, intentouse sen éxito a busca de alternativas como a de unir la candidatura ferrolá a outras similares como a francesa de Rochefort e a inglesa de Chatham ou a potenciación da súa proxección cara a América do Arsenal de Ferrol.
Nesta andaina de quince anos de cativo avance, con ata catro diferentes corporacións municipais levando a responsabilidade do proxecto, gastáronse máis de 1,5 millóns de euros, sen que as penas se obtivese máis resultado positivo que unha completa e interesante recompilación documentación de 3.000 documentos textuais e gráficos, procedentes de diferentes arquivos nacionais e estranxeiros. Tanto esta importante documentación como unha serie de interesantes paneis de Ferrol da Ilustración que a Fundación Ferrol Metrópoli deu a coñecer por diferentes cidades de España e Europa, atópanse agachados e sen uso nalgunha dependencia municipal desde fai tempo.
Neste intre, o proceso segue a ter a mesma chea de debilidades que amosou desde o seu comezo, entre outras, a presenza dunha muralla nada permeable que illa á cidade das instalacións do Arsenal e de Navantia; o alto grao de contaminación física e estética da ría de Ferrol, ademais dos problemas de seguridade derivados de certas instalacións industriais dentro dela; a pouco axeitada utilización do Ministerio de Defensa de construcións do século XVIII, caso da Sala de Armas e da Capitanía Xeneral; a nula posta en valor pola empresa Navantia do edificio de Gran Tinglado, modélica construción industrial do século XVIII; o descoido material e nulo uso cultural do Castelo de San Felipe; e o crecente deterioro da Alameda e do barrio da Madalena.
Hoxe moitas persoas temos serias dúbidas sobre a continuación deste camiño. Cando se cumpren quince anos do comezo dun proceso, evidentemente complexo e multidisciplinar, semella que é o momento de facer un alto no camiño e reconsiderar se é procedente seguir co mesmo ou paralizalo. No caso de seguir adiante, quizais habería que reducilo ao seu inicial proxecto do conxunto do Arsenal e Castelos da Ría, deixando fora ao barrio a Madalena, cuxo necesario camiño de rehabilitación debe ser independente e non debe interferir no Proceso de Patrimonio da Humanidade. O Concello debe ter en conta que unha aposta como esta inclúe, ademais de levar a cabo os necesarios Plans de Usos e Xestión, o apoio decidido da Xunta de Galicia e o Goberno Central, e a colaboración da Armada. A maiores, cumpre considerar o alto costo ocasionado polas tarefas de rehabilitación, consolidación e mantemento dun importante conxunto de construcións monumentais, a súa apertura e visita pública, a súa utilización e posta en valor continuada e a existencia dun soporte turístico na cidade que inclúa a necesaria infraestrutura hoteleira e de servizos.
Débese tamén lembrar que tódalas axudas da Administración, mesmo as da Xunta de Galicia, deben centralizarse no Concello, incluso aquelas dedicadas a tarefas de documentación e difusión deste Patrimonio Ilustrado.
O autor é membro do Foro de Amigos de Ferrol