A obra “As pitas baixo a choiva” chegará aos escolares en forma de teatro e unidade didáctica

A obra “As pitas baixo a choiva” chegará aos escolares en forma de teatro e unidade didáctica
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-5893ebff

O Jofre acollerá este domingo, ás 18.00 horas e nunha función aberta a todo o público interesado –os convites poden retirarse na billeteira– a estrea da obra de teatro baseada no relato de Carvalho Calero “As pitas baixo a choiva”. 

A montaxe, que correrá a cargo do grupo Ghazafelhos, constitúe unha das patas dun proxecto máis amplo, que inclúe tamén unha unidade didáctica sobre o texto e o seu autor, dirixido a escolares de Infantil e Primaria co obxectivo de poñer en valor a figura do escritor e profesor ferrolán ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra é a impulsora dunha iniciativa que se incluirá entre as propostas coas que o Concello de Ferrol renderá tributo a Carvalho Calero. A coordinadora do devandito colectivo, Pin Patinho, explicou que o obxectivo da actividade escolar é achegar o autor aos pequenos a través do teatro e da música –compuxéronse varios temas para este proxecto que acompañan tanto a obra de teatro como o libro-cedé que se editará– e agradeceu o apoio do Concello de Ferrol.

A unidade didáctica inclúe detalles da vida do escritor, erixíndose ademais nunha excelente ferramenta para traballar diferentes emocións cos pequenos, salientou a mestra e pedagoga Marina Valencia.

De elaborar esta biografía de Carvalho Calero adaptada aos pequenos encargouse o historiador Miguel García, que situou ao homenaxeado ao nivel de Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal, “pero que non tivo o mesmo recoñecemento”, dixo. Engadiu neste sentido que os actos de conmemoración son “unha boa oportunidade para difundir a súa obra e colocar a Ferrol no mapa”.

O director da obra teatral, Pepablo Patinho, recoñeceu pola súa banda que a través deste traballo do escritor ferrolán deuse conta de que “é moito máis grande do que pensamos, do que temos que sentirnos orgullosos e facer todo o que poidamos para dalo a coñecer”.

Concello
Todos eles tomaron parte onte, xunto ao concelleiro de Cultura de Ferrol, Antonio Golpe, na presentación dunha proposta que forma parte da programación da cidade ferrolá arredor da figura do homenaxeado do 17 de Maio..

Golpe salientou que esta conmemoración é “un acto de xustiza” e que todos os ferroláns “debemos sentirnos orgullosos da figura de Carvalho Calero” e que “o recoñecemento o ten moi merecido”.

A obra “As pitas baixo a choiva” chegará aos escolares en forma de teatro e unidade didáctica

Te puede interesar