“O castrismo mitificou Sierra Maestra sendo moito máis decisiva a loita urbana”

xavier alcalá. escritor
|

Tras dous anos de fonda investigación, o escritor ferrolán Xavier Alcalá publicou o pasado ano “Verde oliva” (Editorial Galaxia), unha novela sobre a loita que nos anos 50 houbo en Cuba contra o réxime de Fulgencio Batista. Unha pelexa liderada por Fidel Castro que para moitos pasaría da esperanza a un pesadelo. O traballo, baseado en feitos reais, recolle os recordos de Juana Maseda, unha galega que nos anos 50 colaborou cos revolucionarios e logo acabaría desencantada co réxime cubano. Adicada a Manuel Fraga e ao veciño de Limodre Sindo Seixido, “Verde oliva” preséntase ás 20.00 horas na Galería Sargadelos onde Alcalá manterá un coloquio co poeta Alfredo Ferreiro e co escritor e editor Vítor F. Freixanes.

 

Unha vez máis novela uns feitos cargados de historia.

“A base da obra son as conversas con juana maseda, cambiando algúns dos nomes dos protagonistas”

“o problema de fidel foi o que lle dixo a un amigo: que as eleccións Democráticas só lle aseguraban catro anos no poder”

Mantiven moitas entrevistas coa protagonista, Juana Maseda, e cheguei a un pacto para facer unha novela, cambiando nomes, pero os feitos son reais. O proceso é semellante ao que fixen sobre a triloxía sobre o movemento evanxélico en Galicia.

 

Adicoullo a dúas figuras moi distintas: Manuel Fraga e Sindo Seixido.

Eu sempre me levei ben con Fraga, tiven moi boa relación con el aínda que discreparamos nas nosas ideas políticas. Os dous aprendimos do outro, pero verbo de Cuba souben moito con el do período 1903-1952. Tiña unha visión moi interesante do desastre da historia cubana e criouse alí, sempre contaba moitas anécdotas. Respecto de Sindo Seixido, é un traballador de Limodre, amigo do Che, que viviu a revolución. Foi precisamente el quen me falou da importancia da loita nas cidades cubanas fronte á visión de Sierra Maestra como a clave da derrota de Batista.

 

Como foi esa loita urbana?

Investiguei a través de varias fontes e en Miami chegaron a darme un dato que pode ser esaxerado pero é significativo: as baixas de Batista en Sierra Maestra foron de 200 persoas, mentres que nas cidades foron de 20.000. O dato deumo en Miami Luis Conte Agüero, a quen nos anos da revolución Fidel chamaba “mi hermano Luis”. Logo ao castrismo interesoulle aumentar a importancia da loita nas montañas.

 

Fraga, Miami, anticastrismo... Non ten medo de que o sitúen nunha determinada coordinada ideolóxica?

En absoluto. Eu son partidario da revolución cubana e incluso dese primeiro Fidel, pero como vía para traer a democracia á illa. O problema é que cando están en Sierra Maestra asinan un documento para facer eleccións libres e Fidel incúmpreo. Todo o mundo dicía que él gañaría sen problema, pero el díxolle a Agüero que iso só lle aseguraba catro anos no poder. Aí está o problema, como me asegurou Juana Maseda. En Miami hai basicamente dous grupos de exiliados: por unha banda están os batistianos, tipo Mas Canosa, que a min non me interesan, están cheos de odio e rancor e moitos están a vivir a conta do seu anticastrismo. Por outra banda están o os revolucionarios frustrados, que son con quen eu falei.

Como está a ser a recepción de “Verde oliva”?

Extraordinaria. Teño que dicir que a novela está escrita en galego pero enseguida ma pediron para editar en castelán para libro electrónico e a Juana Maseda interesáballe que saíse tamén en castelán para que lle chegara a nova a Fidel. Tamén tivo repercusión en Puerto Rico, onde hai moitos revolucionarios cubanos.

 

Que cre que vai pasar en Cuba coa situación interna e o que está a suceder en Venezuela?

En Cuba só hai dous interlocutores para tratar: o exército controlado por Raúl Castro e a Igrexa. Non sei o que pasará pero a situación é tan grave como en 1989. Cuba ten o pobo mellor formado de Sudamérica e imaxino que acabará sendo un lugar de traballo tecnolóxico e científico. Ora ben, tamén pode acabar sendo unha fábrica barata de zapatos ou outros materiais para Estados Unidos.

 

Un enxeñeiro que anda polo mundo cando atopa tempo para novelar?

Polas noites. Agora ando cunha historia sobre un empresario reloxeiro comunista que vivía en Santiago, un xenio chamado Evanxelino Taboada.

 

“O castrismo mitificou Sierra Maestra sendo moito máis decisiva a loita urbana”