Máis de 660 escolares bailarán unha muiñeira en Navantia ao son da Banda das Crechas

Máis de 660 escolares bailarán unha muiñeira en Navantia ao son da Banda das Crechas
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-9239085e

As instalacións de Navantia volverán ser escenario dunha interesante iniciativa escolar. Ao igual que sucedeu hai dous anos –cando máis dun milleiro de rapaces e rapazas da comarca interpretaron xunto a Guadi Galego a canción “Chea de vida” nun dos talleres da factoría ferrolán–, o estaleiro abrirá este venres de novo as súas portas aos escolares.

O baile tradicional galego será, desta volta, o protagonista. Máis de 660 alumnos e alumnas dun total de 22 centros educativos da comarca bailarán todos xuntos unha muiñeira que será interpretada en directo pola Banda das Crechas.

O acto, bautizado co nome “Un mar de muiñeiras”, está avalado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol e organizado de forma conxunta co Grupo de Traballo de Danza Tradicional do propio CFR.

“Esta performance didáctica representa a cristalización práctica do traballo desenvolvido nos últimos dez anos polo devandito grupo de traballo entre o alumnado dos centros educativos integrados no CFR Ferrol co obxectivo confeso de facer realidade a integración da danza tradicional de Galicia, ese Patrimonio Inmaterial, no currículo escolar”, salientan desde a organización.

A muiñeira, que será interpretada en directo pola Banda das Crechas, desenvolverase nunha das naves de Navantia, que cede así unha vez máis as súas intalacións para realizar e gravar a actuación, “implementando así no proxecto a simboloxía de realizarse nun lugar emblemático da nosa comarca”, enganden.

O acto enmárcase, segundo apuntan desde o CFR, “na perspectiva de dar continuidade ao labor divulgativo dos proxectos educativos do CFR Ferrol encetado no curso 2016-17 coa gravación do tema musical “Chea de Vida” coa participación de Guadi Galego”, lembran. Este vídeo leva acadado xa cerca de cen mil visualizacións na plataforma Youtube.

A peza audiovisual resultante da actividade deste venres, que se desenvolverá entre as 10.30 e as 12.30 horas, será compartido a través da devandita plataforma o 17 de maio co gallo do Día das Letras Galegas.

Máis de 660 escolares bailarán unha muiñeira en Navantia ao son da Banda das Crechas

Te puede interesar