Marián Ferreiro | “Neste Concello temos unha estabilidade e unha dinámica de traballo que vai seguir”

Marián Ferreiro | “Neste Concello temos unha estabilidade e unha dinámica de traballo que vai seguir”
Marián Ferreiro, no seu recén estreado despacho de Alcaldía | d.a.

Narón estrea nova etapa coa primeira muller ao fronte do seu goberno. Marián Ferreiro (Narón, 1977), chega á Alcaldía coñecedora do funcionamento interno do Concello, tras ter vinculada a maior parte da súa vida laboral á institución, primeiro como administrativa na biblioteca municipal e logo como secretaria de Alcaldía durante os mandatos de Xoán Gato e José Manuel Blanco. Con este último deu o salto á primeira liña política como número dous nas últimas eleccións.

Que obxectivos se plantea para o que queda de mandato? Haberá tempo para proxectos novos ou propios ou apostará pola continuidade?
Aposto pola continuidade. Nós realmente non cambiamos de equipo, simplemente eu din un paso adiante e Blanco deuno atrás, por así dicilo. O proxecto é o mesmo. Aínda o outro día dicíanme que con esta marcha estábanme a regalar a Alcaldía. Eu presenteime ás eleccións, ía de número dous e entendo que tamén gañei nesas eleccións. Nós sempre apostamos por un equipo. É verdade que nas decisións, o alcalde ten o seu peso pero todas as semanas discutimos e chegamos a acordos en grupo.

Algúns dos aspectos que destacan de vostede é a xuventude e a súa condición de muller, cre que serán boas bazas para Narón?
Eu tómoas como que si. Sen menospreciar aos que teñen 65 anos creo que cando tes 39 anos tes máis forza e podes aportar outras cousas polas túas vivencias do día a día que non aporta unha persona de 65 anos. Nese sentido penso que ser unha muller xoven pode aportar unha visión diferente á dun home de 65 con todos os respectos, marca unha diferencia.
Unha das cousas que destaca do goberno naronés nos últimos anos é a súa aposta pola unión, refírome á coalicción entre TEGA, PSOE e BNG, seguirá sendo esta a forma de traballar?
Si, dicíao o outro día no discurso de investidura. Nós temos neste Concello unha estabilidade e unha dinámica de facer as cousas que entendo que é moi boa. Non temos plenos de seis horas nin de doce horas nos que non se chega a ningún tipo de acordos. Nós debatimos as cousas antes e non facemos esos “speach” nos que cada un vai ler o seu papeliño co seu contido político e que non van chegar a acordos porque xa van predeterminados para non chegar. Eu creo que é fundamental e o que marca a diferencia é esa axilidade tanto polo tipo de goberno como tamén pola oposición. Nos últimos orzamentos incluimos achegas que se nos fixeron por parte da oposición porque independentemente das siglas e da cor política, o obxectivo ten que ser beneficiar aos veciños e se eles aportan determinadas cousas, ententemos que as temos que incluír porque é de recibo.

Un dos hitos deste mandato será a posta en marcha do saneamento da ría. A pasada semana Augas de Galicia remitía un novo convenio para a xestión da EDAR, xa hai data para a firma?
Temos ese novo convenio e estamos intentando chegar a acordos para poder asinalo. Nós temos toda a vontade para que iso sexa así, de feito temos recadado parte do diñeiro e temos que mirar agora a fórmula para facer eses pagos. O noso labor é colaborar e sacar ese tema adiante, que vaia ser posible ou non non vai depender só de nós.

Outra das asinaturas pendentes de Narón é o centro de saúde...
Este tema vai avanzando. Xa fixemos a aportación dos 100.000 euros para a redacción do proxecto e agora esta aportación doutros 500.000 para a licitación. A Xunta vai vir a presentalo ao auditorio de Narón en breve, así trasladáronllo a Blanco antes da súa marcha e niso estamos.

Avanzábase hai dúas semanas a intención de rehabilitar o muíño das Aceñas con cargo ao DUSI, haberá algún outro proxecto no marco desta estratexia?
Temos o proxecto trazado pero estamos mantendo reunións con Ferrol para organizalo e establecer exactamente a proporción do que lle corresponde a Narón. Temos varias cousas en mente como a rehabilitación dos muíños, tanto o das Aceñas como o de Xuvia, e algunha cousa máis que ao mellor incluimos como poden ser proxectos de mobilidade ou a Casa Cuartel da Garda Civil. Temos as ideas e querémosllas presentar aos veciños. Saiu en prensa que facíamos como un concurso de ideas pero iso non é así. As ideas témolas claras pero había que ver cales eran viables urbanisticamente para cada parcela.

Dicía Blanco na súa despedida que lle tocaron vivir tempos difíciles, ve un futuro máis halagüeño para o Narón que lle toca gobernar?
Tocan outros tempos de cousas non tan sumamente básicas como ocorría hai anos, nos que facían falta asfaltados porque as corredoiras aínda eran de terra. Penso que agora toca completar un ciclo, apostar polo mantemento do que xa temos, como o Pazo da Cultura, pavillóns e seguir facendo actuacións non de primeiro orde pero tamén moi necesarias como a creación de espacios verdes para igualar os servizos na zona rural e na urbana; creación de novos parques como o que imos facer na Gándara, en Piñeiros ou ao lado do tanque de tormentas; e seguir apostando polo saneamento na zona rural e pola accesibilidade.


O outro día dicían que Narón está parado. Non é certo. O pasado luns fixemos unha modificación de crédito de tres millóns dos cales máis de dous van para inversión, non se pode dicir que estea parado.
Por outra parte, as arcas do Concello están saneadas. O outro día no arqueo de caixas o secretario dicíanos que rondan os 14 millóns de euros e uns créditos moi pequenos, por iso entendo que a administración local queda nunha boa situación e iso debémosllo a boa xestión de Blanco e ao seu equipo.

Marián Ferreiro | “Neste Concello temos unha estabilidade e unha dinámica de traballo que vai seguir”

Te puede interesar