Daniel de Araoz Aréjula

Daniel de Araoz Aréjula
Diario de Ferrol-2015-09-27-014-0aa5de31_1

Adiquei parte do verán, días de Neda, xullo-agosto, atento a esa raiola que cáseque sempre termina por rachar as nubes, a ler un libro do meu primo político Pasqual d´Ossó Matheu, marido de Tery de Araoz Álvarez. Un libro de edición limitada, sospeito, e ben podería gozar dunha posición máis ampla (o home, o personaxe, meréceno), que se titula Papá Daniel. Una vida, un personaje. En puridade a biografía de Daniel de Araoz de Aréjula (San Lorenzo de el Escorial, 1877-Madrid, 1950), oficial da Armada, dos primeiros xestores da aviación comercial española, (Iberia, Classa), castelán do Castelo de San Martín de Valdeiglesias, e Barón do Sacro Lirio, título actualmente en propiedade do seu neto Federico de Araoz Alvárez, residente en Salamanca, casado con Mari Carmen Sánchez-Dopico, filla dun moi respectable amigo meu, Don Ramón Sánchez-Dopico. Mais non acaban aí as conexións ferrolás desta familia, eis a razón desta “versión orixinal”, senón que Federico de Araoz Vergara, enxeñeiro  pola Escola de Enxeñería Naval que en Ferrol houbera ata 1932 (Federico rematara os estudios o ano anterior) desde  1860, casara –1934, Igrexa de San Xiao– con Purita Álvarez, filla de Rafael, xustamente a metade da razón social Rafael y Vicente “Todo Nuevo”. Por iso a presencia entre nós de Juan Daniel de Araoz Álvarez, residente agora en Meirás, antes en Santa Icía, anteriormente en Piñeiros. No chalé veciño do mítico chalé ao “bauhaus”, tan funcional como ía ser aquela II República a piques de chegar, esnaquizada por erros propios, sen dúbida, mais sobre todo pola incontinencia ideolóxica deste país sempre a loitar consigo mesmo. O personaxe recriado por D´Ossó Matheu, xentilhome de cámara de Alfonso XIII era, obviamente, de dereitas. Circunstancia que o levara nos primeiros tempos bélicos, pasara a Madrid desde San Martín de Valdeiglesias, ao cárcere de San Antón, onde viviría as “sacas” de no-vembro de 1936, chegando compartir cela con Pedro Muñoz Seca, fusilado neses días en Paracuellos. De San Antón pasaría á embaixada británica, como asilado, e de alí a Bilbao e despois a Londres, para incorporarse en Salamanca ao bando sublevado. No interín seus fillos Juan e Daniel, ambos tenentes de navío, perderían a vida en circunstancias sumamente tráxicas. Juan, oficial do “Churruca”, en Málaga, fusilado polos republicanos logo de escribir unha carta estoica, na que pide aos familiares que paguen as súas debedas (entre elas a dunha gorra ao sombreireiro Monzón, da nosa Rúa Real). Daniel, combatente no bando republicano, en Cataluña, morreu ao capotar o Breguet que copilotaba. A morte de Daniel é un deses enigmas da Guerra Civil. A versión familiar (recollida por Pasqual) sostén que dentro do avión houbera unha loita entre quen querían liscar co avión ao bando “nacional”, un deles Daniel de Araoz. Outras versións falan da imposibilidade de que tal acontecese, poisque a posición dos tripulantes nun Breguet é tal que unha liorta dentro del non sería factible. Así e todo a historia de Juan e Daniel, mortos novos, Juan mentres seu pai sufría as mágoas e inseguridades do cárcere nunha cidade asediada, Daniel, heroe (talvez) a prol dunha causa na que non acreditaba (o seu enterro barcelonés fora o dun mártir da República), é de novela de Dickens, senón de Dostoyievski. E como novela pode ser lido este libro espléndido de Pasqual d´Ossó Matheu, de mérito meirande ao non ser o seu autor un profesional da literatura, mais un diletante (dono, tamén , de talento artístico) ocupado en reconstruir a historia da familia na que veu dar, casado como está con Tery de Araoz Álvarez. Sobriña carnal do gran Arsenio Álvarez Arenosa, do que se reproduce o recordatorio da primeira comunión neste libro fermosamente ilustrado. No que non se esquecen os antecedentes familiares de “Papá Daniel”, sangue cubano nos ancestros, e en Cuba viviría os seus sete primeiros anos, mais tampouco os seus avatares biográficos, incluindo algún amor serodio (e accidentado) xa viuvo. Tampouco os de Federico de Araoz Vergara, seu fillo, sogro do autor do libro, quen durante a guerra tivera de colaborar, en Tarragona, co bando republicano, mentres Purita Álvarez, nai xa de dous fillos (Federico e Purichy), vivía en Piñeiros, comunicada co seu home a través das cartas que transmitía entre ambos a Cruz Vermella. (Neste punto compre loar o esforzo desta organización benéfica ao longo dos tres anos do conflicto; sen ela tería sido imposible esa comunicación en tempos tan precarios). Das cartas que se cruzaron Purita Álvarez Arenosa e Federico de Araoz Vergara hai testemuña gráfica moi profusa neste libro pródigo en afectos e documentación. Tamén a importancia da intrahistoria, tan cara a Don Miguel de Unamuno. Residente (e resistente) en Salamanca nos días primeiros da guerra civil; hai quen lle chama incivil, sen se decatar que iso é un flagrante pleonasmo. Unamuno trocara a súa posición ao ver as barbaridades que un bando cometía. O que logo sería o vencedor. Aos De Araoz de Aréjula e De Araoz Vergara tocoulles sufrir as do outro bando. Vexo que Pascual d´Ossó Matheu, neste libro seu sobranceiro, escrito con talante liberal (ou sexa, xeneroso) soubo equilibrar a balanza. O seu libro, xa digo, merecería unha edición máis para todos. Eu agradezo inmenso ser un dos destinatarios. Ferrol, por vía interposta, tamén. E Rafael y Vicente (impagable a foto de Rafael co seu neto, tamén a da publicidade do comercio “decorando” ao Cruceiro “Príncipe Alfonso”, o que logo sería “Libertad”), igualmente. Só por isto pagaría a pena (para min) ter escrito esta “versión orixinal”. Pero hai moitas máis razóns aínda. Abondan.

Daniel de Araoz Aréjula

Te puede interesar