Defuntos e os produtos do outono mestúranse nunha fin de semana plena de actividades

Defuntos e os produtos do outono mestúranse nunha fin de semana plena de actividades
Volta das Ánimas en Catabois

As rúas de Catabois volveron onte ateigarse de xente coa celebración dun Samaín que, na súa cuarta edición, segue a confirmar a boa saúde coa que naceu esta iniciativa da asociación de Empresarios, Comerciantes e Hostaleiros. Veciños e establecementos colaboraron para dar un ambiente terrorífico ás rúas e preparar o ánimo para a “Volta das ánimas”, un desfile de medo con carrozas, música, teatro e máis dun susto. Pero neste “quilómetro do medo” houbo ademais concursos de cabazas, de caracterización, de decoración de casas e tendas e, sobre todo, moita troula. Tapas especiais para a ocasión (sangue de cabaza ou ollos de zombi entre eles) e ata unha moeda especial, os cataleuros, sumaron animación á festa que organiza ECHO coa colaboración de institucións e empresas.
Pero o Samaín festexouse por toda Ferrolterra e houbo outras citas tamén senlleiras como as actividades no Ensanche A, que incluíron obradoiros e tamén un desfile de medo polo Inferniño, que se realizan desde hai varios anos, ou as da AVV San Mateo, en Narón, que tamén congregan a ducias de persoas. A biblioteca da praza de España sumouse de novo á festa cun taller nas súas instalacións e en cada recuncho as asociacións veciñais, culturais e os particulares xogaron con cabazas e disfraces para vivir unha particular velada.
Cedeira gozará con especial interese esta data, posto que foi a localidade que revitalizou as tradicións populares de Defuntos e comezou hai xa un cuarto de século a festexar o Samaín. O deste ano é especial precisamente por cumprir vintecinco anos, e durante toda esta semana leváronse adiante actividades na vila. Hoxe será o día grande. Decoraranse as rúas pola mañá e xa pola tarde, desde as cinco, abriranse as exposicións e os concursos, comezará o obradoiro de maquillaxe e organizarase tamén unha ginkana a través da cal se pode acceder á casa do terror. Un colchón inchable ou a merendola de outono con bola e requeixo con mel forman parte tamén dunha festa que vivirá o seu momento álxido ás 20.30 horas, cando se celebre un pasarrúas polo casco antigo para o que se apagará o alumeado público. As cabazas con candeas serán as que aporten algo de claridade a un desfile de tebras moi agardado.

ortigueira
A fin de semana en Ortigueira terá tamén un sabor especial, xa que hoxe e mañá celébrase a primeira edición dunha feira multicultural (organizada por Galioart coa colaboración do Concello). Artesanía, deporte, gastronomía, coches e motos antigas, cetraría e xogos populares forman parte dun extenso programa que inclúe ademais un concerto de Superglú esta noite.

Defuntos e os produtos do outono mestúranse nunha fin de semana plena de actividades

Te puede interesar