As II Xornadas de Documentación que organiza o Ateneo Ferrolán tratarán hoxe a relación dos arquivos coa cidadanía e a experiencia da creación dos mesmos desde aportacións colectivas. A presenza non necesita de inscrición previa, a asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo do salón de actos.
Será a partir das 17.00 horas coa inauguración a cargo de Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura de Ferrol; Eliseo Fernández, presidente do Ateneo Ferrolán; e Xoán Porto, coordinador das xornadas. O primeiro acto celebrarase ás 17.30 horas con Pedro López Gómez, profesor honorario da Universidade da Coruña e presidente do padroado da Fundación Olga Gallego, que pronunciará a conferencia “Os arquivos e os cidadáns: algúns problemas do noso tempo”.
coloquio final
Ás 18.30 horas desenvólvese a ponencia “Arquivo e dominio: repensando os arquivos para a cidadanía”, a cargo de Gaspar Domínguez, en sintonía coa intención das xornadas. Finalmente, escoitarase a ponencia “Arquivos da cidadanía: Fálame de San Sadurniño”, no que Manolo González e Carmen Suárez relatarán a súa experiencia como responsables do proxecto colectivo “Fálame de San Sadurniño” naquel concello.
Para rematar as xornadas, a partir das 20.00 horas levarase a cabo no salón de actos un coloquio que estará moderado por Fernando Rivera, bibliotecario do Ateneo Ferrolán.