Todo o mundo se auto agasalla os parabéns, no ecosistema político galego, polo comezo do debate da transferencia da AP-9 no Congreso. Pois é evidentemente dunha enorme eficiencia política conseguir este fito desde 1973, nótese neste punto a retranca galega. Canto mellor era estar caladiños, menos triunfalismo na bancada política e máis asumir o feito de que este paso, no ano 2021, é un fracaso de 48 anos. Sen importar a cor política, mais tamén un fracaso da sociedade e da capacidade critica galega. Aínda hoxe estamos na fase de intencións, ollo, nada está feito.
Pero a miña idea era contar un conto, a historia dun rapaz que se ergue da cama en Punxín e quere ir a Castro de Rei a unha entrevista de traballo. Ten que percorrer 134 km e levaralle unhas 2,15 horas. Como a entrevista é as 9 da mañá ten que saír ás 6,20 cun pouco de marxe por si se perde, como é o lóxico. Tamén a súa curmán ten unha entrevista laboral, ela vive en Pontevedra e ten unha entrevista coa mesma empresa en Miño. Xusto tamén a 134 km desde a súa casa un traxecto de 1,15 horas chégalle con saír as 7,20 da mañá.
As entrevistas foron ben, daquela están valorando que facer. Neste caso María que desde Pontevedra ten cada día 2 horas e media de coche e a AP-9 xa non é de peaxe (éxito da clase política) ten moi claro que quere seguir vivindo en Pontevedra. A súa nova xornada laboral é de mañá ás 15,30 estará na súa casa, podendo desfrutar da tan premiada cidade de Pontevedra polas tardes.
Ramón ten máis dúbidas sae ás 14,00 tamén, mais chegará a Punxín ás 16,15 e todos os días terá 4,30 horas de coche. Si acepta o traballo terá que alugar un piso en Castro de Rei e deixar o proxecto de cría de capóns en Punxín , porque non pode atendelo, porén collerá o traballo xa que a explotación aínda non é rendible. Mentres pensa isto no televisor sae un anuncio institucional que anima a vivir no rural, cousas da vida.
134 quilómetros que son iguais, mídense do mesmo xeito, pero que teñen un impacto moi distinto na vida dos galegos e na realidade de crecemento e do rural de Galicia. Nas oportunidades diarias e na posibilidade de asentamento da poboación.
Galicia ten dúas velocidades, comparade os exemplos:
1) de Burela a Allariz en liña recta son 170 Km, en estrada 251 km e 3 horas de viaxe.
2) de Cedeira a Porriño en liña recta son 172 km, en estrada 219 km e 2 horas de viaxe.
Parabéns aos negociadores e negociadoras da AP-9, será a solución do País?