Guadi Galego: “A cultura é un ben esencial e necesario para que as vidas da xente se sintan cheas”

Guadi Galego: “A cultura é un ben esencial e necesario para que as vidas da xente se sintan cheas”
Guadi Galego, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego

O outono trae o frío e Guadi Galego viste ese “abrigo” que vén de confeccionar cos dez “panos” que dan forma a “Costuras”. O seu quinto disco en solitario sae hoxe á venda para deleitar ao público con temas como “Velutinas”, “Zocos”, “Canción popular”, “Só con Amor” ou o que lle dá nome ao traballo, entre outros.

Mesmo converte a súa dor física en melodía. Faino en “Cólico”, canción que naceu logo de sufrir un forte episodio deste tipo e que, en plena pandemia, obrigouna a ir ao hospital. “Foi como unha especie de catarse. Teño cólicos habitualmente, pero en pleno confinamento sufrín un moi forte. Cando cheguei do hospital decidín facerlle unha canción, un pouco tamén intentando facer ver á xente que somos moitas as que realmente sufrimos dores e que convivimos con elas, e que incluso tratamos de palialas moitas veces sen saber como”.
“Costuras”, di a creadora, é un disco de pop de autora, con algunhas partes máis escuras pero optimista e alegre, “feito desde Galiza, cun son máis contemporáneo pero sen deixar atrás a esencia do que nós facemos”. Entra en campos electrónicos, sen esquecer a parte máis orgánica, creando texturas únicas dentro do devandito estilo musical.

A nivel de estética é “continuísta” co espírito do seu anterior traballo, “Inmersión”, co que o pasado ano foi galardonada co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe. 

Un traballo cantado en varias linguas minorizadas da Península Ibérica coas que puido conectar e “pór ao mesmo nivel, independentemente do número de falantes que teña cada unha e que é moi importante conservalas”.

En “Costuras”, a artista viaxa desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.

Un presente marcado por unha pandemia que está a deixar moi tocados a moitos sectores, entre eles o cultural. “É moi duro para o sector, igual que para outros como o da hostalería e a restauración, por exemplo. Eu penso que todo isto que está a suceder pasa por unha reflexión social e administrativa-gubernamental de pensar que a cultura é un ben esencial e que é necesaria para que as vidas das xente se sintan cheas , e sigamos medrando a nivel de persoas e comunidade”, salienta.

“Costuras” publícase nun orixinal “digipack” no que a portada contén unha obra do pintor Ricardo de Barreiro que cada persoa descobre rascando a superficie gris. Un xogo que invita ao comprador do álbum a crear a súa propia versión da mesma.

Moi satisfeita pola resposta do público na pre-venda do traballo, anima á xente a mercar música galega. “Custa moito facer un traballo e a venda do físico tamén é moi importante par nós”, apunta.

Guadi Galego: “A cultura é un ben esencial e necesario para que as vidas da xente se sintan cheas”

Te puede interesar