Canido entrégase á gran festa dos Maios

Canido entrégase á gran festa dos Maios
Diario de Ferrol-2019-05-03-011-7a3feed1

A festa volve esta fin de semana ao animado barrio de Canido. Desta volta, a primaveral cita cos Maios xustifica o intenso e variado programa deseñado pola entidade veciñal da zona, encabezada por Roberto Taboada.

O programa, que se prolongará ata o domingo, comezou onte no Centro Cívico con dúas actividades. Dunha banda, quedou inaugurada a exposición “Maquetas de Ferrol”, de Carlos Macías (Ferrol, 1949).

Trátase dunha colección de pequenas pezas que representan construcións características da comarca e da xeografía galega, como faros, ermidas, dornas, etc. A meirande parte están feitos con produtos reciclados e ferramentas que calquera pode ter na casa, en o emprego de planos técnicos, o que dota de gran singularidade ás súas obras. A mostra permanecerá aberta ás visitas ata o vindeiro día 15 (o horario de apertura da mesma é de 11.00 a 13.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas).

Doutra banda, tamén onte foi a quenda para a merendola interxenaracional recuperada pola actual asociación de veciños co obxectivo de que maiores e mozos poidan compartir vivencias. 

Propostas
Desde hoxe, e sobre todo durante a fin de semana, o calendario intensificarase notablemente con propostas para todos os públicos e gustos. Ademais, como se vén facendo nos dos últimos anos, a propia entidade veciñal é a encargada de pasar aos responsable das atraccións de feira ubicadas na zona a música que sonará durante o seu funcionamento, que ademais estará a un volume que non resulte molesto para a cidadanía. Os concertos terán un gran protagonismo, con actuacións de grupos como El Chigri, Las Antonias, Los Zares, Dude Can, Aquelas, A Tribo das Flores, Maina Materia ou a Banda de Música Ferrolá, entre outras propostas.

Así mesmo, como vén sendo habitual, a Asociación Muíño do Vento inclúe no programa dos Maios a entrega do seu certame literario escolar “Inventa unha flor”, cuxa entrega de premios terá lugar mañá sábado ás 12.00 horas. “Master class”, espectáculos infantís, a feira das asociacións do barrio prevista para o domingo, o Toldo previsto para esa mesma xornada por Cáritas Santa Cruz ou a comida veciñal “Ocupa a rúa” serán outras das actividades que nos vindeiros días ocuparán a axenda do barrio ferrolán.

Canido entrégase á gran festa dos Maios

Te puede interesar