Peña Novo, orador en mitins alleos (LXXXVII)

Peña Novo, orador en  mitins alleos (LXXXVII)
Diario de Ferrol-2018-03-04-014-edbce749

Nas eleccións de deputados ao Congreso das que estou a falar, xa quedou dito que Peña Novo -que “como siempre habló en gallego”- participara na súa condición de  días previos á cita electoral do 29 de abril participara, como concelleiro nacionalista da Coruña, como adoitaban reflectir as crónicas dos xornais. Xa vimos como actuou como orador, ao pé do candidato agrario por Tui Portela Valladares, nun mitin, en apoio da candidatura deste, celebrado o día 25 de abril no Rosal.
Ao día seguinte fixera o mesmo na finca de ‘Las Torres’ de Vigo, acompañando ao candidato polo distrito de Vigo Adolfo Espino, no mitin organizado pola Liga de Defensores, acto no que, como quedou dito, se leu o texto do telegrama  de apoio enviado pola Irmandade da Fala da Coruña: “Galicia está con vos”.
A última entrega remateina dando conta de que o candidato Espino insistira en que a campaña da Liga de Defensores de Vigo, a que el representaba, non se inspiraba nin no medre nin na ambición, como demostraba a longa traxectoria dos homes da Liga na que son se podía falar de lucro de ningunha clase. Por iso entendía que era o candidato representante dunha política de “idealidad y espiritualidad”.
Falou tamén do movemento liberador de Galicia, do que Vigo e A Coruña habían ser os piares fundamentais.
A segunda e última participación do “elocuente concejal nacionalista de La Coruña, D, Luis Peña Novo” nun mitin de apoio ao candidato de Vigo tivo lugar dous días despois, isto é, o sábado 28 de abril, véspera do día das votacións, no mesmo lugar, “en la espaciosa finca ‘Las Torres’, que poseen en el Romil los señores de Pascual del Río”, o que anos despois se convertería no Colexio Labor.
O diario Galicia do día seguinte, “El parto de las urnas / Las elecciones generales de hoy /El último mitin electoral en Vigo”, informaba do mesmo.
O autor da noticia comezaba a información dando conta de que asistira tanto ou máis público que o celebrado o xoves na mesma quinta. Joaquín García, que falou en nome dos agrarios de Lavadores, protestou contra a detención e encarceramento de seis compañeiros seus. Os feitos producíranse no momento que se dispuñan a saír para a Ramallosa como apoderados de Adolfo Espino. Este enviara un telegrama de protesta ao presidente do Consello de Ministros García Prieto.
Quicler e Soto Valenzuela, membros da “ Juventud de la Liga “ combateron a política dominante , convidando a cidadanía a desfacerse dela cos votos.
Logo, Gómez Román, como presidente da Liga, disculpou a ausencia do candidato Espino, que tivera que desprazarse de urxencia a Baiona, e fixo unha análise do labor realizado polos contrincantes, onde ficara claro quen era persoa seria e quen non. Amando Garra, falou do “cunerismo”, pedindo que non se votase estraños á terra. Pola ausencia do candidato tocoulle pechar o mitin a Peña Novo, que´, entre aplausos, comezou a súa intervención coa “atinente anécdota” dun patricio inglés que tiña varios fillos con diferentes ideas relixiosas, pero que, en familia, lían aqueles puntos da Biblia que todos aceptaban. 
De aí deduciu que cumpría tamén facer a Biblia de Galicia, xa que a maioría dos loitadores galegos estaban conformes nos puntos esenciais: o amor á terra, a dignificación política ou borrar a pegada das estrañas opresións”. Recomendou tenacidade e resistencia na loita, poñendo o exemplo da batalla de Waterloo, onde loitaron os ideais contra a concupiscencia e ficou claro que o estómago non é capaz de sacrificio, que o único capaz de sacrificio é o corazón.
Lembrou como o centro da cultura universal se fora desprazando de Oriente a Occidente e manifestouse convencido de que a nova civilización xurdiría en América, tocándolle a Galicia ser o grande crisol onde se fundan a nova e a vella cultura.
Estendeuse, ademais, en consideracións acerca do momento político, “tratándolo en período ‘encendido’ de exaltación galleguista”.
Nos comezos das actividades electorais, “O cego de Castelao” da primeira plana do Galicia do domingo 15 de abril de 1923 levaba como pe os seguintes versos, asinados R. B., posiblemente Roberto Blanco Torres:
“Pradicando pol-os votos / andan moitos lacazáns / enganando a catro parvos, / e ofrecendo o que non dán. // Todos animados veñen / a contar coa nosa axuda / y-a darnos dempois un couce / como de cote acostuman. // Darlle un corno para mostra / de que non sodes borregos, / y-ademais facerlle a figa / como se lle fai ó demo”.
Semella evidente que tanto o autor do deseño como o dos versos, ambos os dous vinculados á I.N.G., arrenegaban do que consideraban farsa electoral.
Os xornais do 1º de maio daban conta dos resultados e de sucedidos na campaña que fan bos os versos que acabo de citar. O diario Galicia, “Resultado de la contienda en Galicia”, centraba o seu editorial no acontecido nos distritos de Vigo, Pontevedra, Tui e Pontecaldelas. Entendía que no distrito de Vigo o resultado non fora certamente o que se vaticinaba e mesmo os propios vencedores ficaran sorprendidos da desproporción que reflectiron as actas. Agardábase que o candidato non oficial, Espino, acadase unha votación moito máis lucida, principalmente nos colexios da capital do distrito. Ao respecto, tira a conclusión de que “Sin duda, las amenazas y el temor a las represalias que se venían blandiendo, determinaron la cobardía cívica de una gran masa de electores, cuyo retraimiento dió el resultado conocido”. De feito Gasset obtivera bastante máis do dobre dos votos que Espino.
Na parte dedicada ao sucedido en Tui -”el distrito donde la lucha revistió más serios caracteres”-, o outro distrito no que participara Peña Novo, “El triunfo del señor Portela Valladares, aunque otra cosa digan los amañadores oficiales, es legítimo y honroso, por la aureola de popularidad que lo circunda”. O xornal quere deixar clara a imparcialidade –”que conste que nosotros hablamos desinteresadamente, y sin halago para nadie”– á hora de manifestar que crían “inconcebible que se llegue a arrebatar el acta a quien en conciencia la ha ganado”. Lembra que o día anterior ás eleccións se fixera público en Pontevedra que polo procedemento das actas dobres se aseguraría a elección do exministro Ordóñez”.
No número de 3 de maio, na primeira plana de Galicia, a viñeta “A farsa democrática, por Castelao”, na que se ve un prócer cunha risoña carauta enriba das cabezas da multitude, acompañada do pe: “Yo represento la voluntad nacional”, retrataba con acerto a situación.
O esforzo de Peña Novo, colaborando con vigueses e agrarios, non acadara os resultados apetecidos, mais tivo como positivo o feito de poder expresar libremente, diante de milleiros de persoas, aspectos do programa político do nacionalismo das Irmandades, así como o de achegar ao seu os discurso dalgúns dos oradores cos que compartiu actos electorais.
Máis que sabido é que Antón Villar Ponte se manifestou e diferentes ocasións totalmente contrario á colaboración con forzas non nacionalistas. Mais nesta ocasión tivo que recoñecer que non todo fora negativo. Asi, no artigo “O esprito de Rodríguez do Padrón”, aparecido na na súa sección “Marginalia” de La Zarpa, o sábado 21 de abril, dicía:
“N’estes tempos de turbo eleitoreirismo, temos que contar un síntoma optimista: a influenza da nosa ideoloxía deica n’aqueles homes e pobos que coidábamos mais impenetrabres p’ro enxebre.
Limos nos xornás que o simpático candidato da Liga de Defensores de Vigo, Adolfo G. Espino, falou en galego n’algús mitis de porpaganda”. Efectivamente fora así. O diario Galicia, “La actividade electorera sigue en aumento / Los mitines del domingo en el Valle Miñor”, do martes 17 de abril, informara de que o domingo tiveran lugar no Val Miñor tres mitins da Liga de Defensores de Vigo en favor do seu candidato Adolfo G. Espino. Nun deles, no celebrado no Centro Obrero de Gondomar o corresponsal indica que Espino e Soto Valenzuela se expresaran en galego.

Peña Novo, orador en mitins alleos (LXXXVII)

Te puede interesar