A asociación teatral O Aturuxo de Melpómene, formada por antigos alumnos da Escola de Teatro de Narón, inaugurou onte no Auditorio da praza de Galicia o seu ciclo escénico amador polo que pasarán nas próximas semanas media ducia de compañía de toda Galicia. Onte Gargallada Teatro levou ao escenario o texto de Cándido Pazó “Commedia: un xoguete para Goldoni”. Unha comedia de enredo de fasquía clásica na que o fío conductor é un anel máxico que provoca o esquecemento a quen o leva posto. Oito personaxes clásicos da Commedia dell’Arte que se movían pola escena sen dar descanso ao espectador.
Mañá regresa o teatro ás 20.00 horas ao Auditorio. Alí, con entrada libre, poderá verse o monólogo “Consuelo”, da compañía viguesa O Trasno. Un espectáculo esencialmente textual para adultos no que se fala dos setenta anos de vida que a protagonista, Consuelo, está a lembrar diante do público.
O ciclo de O Aturuxo de Melpómene regresará o domingo 5 con Andaravía e a comedia futurista “A república de Gundián”. O Aturuxo estreará “Desencaixados (esperpéntica crise)” o 12 de outubro, e o 19 será Achádego Teatro quen represente “O barco sen mariñeiro”. A compañía Carrachanacacha, que forma parte do colectivo organizador, porá remate ao programa escénico coa peza de Leandro Lamas “Comendo pementos de Padrón con Tarantino”.