A exposición colectiva “Slow Motion” achega ó Centro Torrente Ballester unha nova ollada á realidade a través da ruptura co tempo cotián e impoñendo unha pausa que permite apreciar detalles inadvertidos a unha velocidade normal. Fotografía, pintura, vídeo e unha “performance” forman parte deste proxecto comisariado por Mónica Maneiro que se inaugurará este venres, ás oito da tarde, e que ocupará a parte antiga do edificio. Funciona como complemento á mostra “Esta canción atopeina tirada”, centrada nos grupos musicais do que se pode chamar nova escena galega, e que está aberta desde mediados de xullo. As dúas permanecerán en Ferrol ata o 8 de novembro.
“O Slow Motion asóciase normalmente ó vídeo como medio de expresión”, explica a comisaria. Pero é un concepto que atinxe a tódalas belas artes e que, coa creación dun novo discurso temporal, abre a porta a suxerencias e evocacións. “En Slow Motion séntese o eco de moitísimas formas e actitudes que pasan desapercibidas normalmente nos momentos nos que a apreciación temporal se adecúa a un tempo de transcurso que se relaciona ben co decorrer cotiá”.
Jesús Madriñán inclúe nesta exposición imaxes de dúas das súas series máis recoñecidas, “Good Night London” e “La Finca”. Na primeira rompe o ritmo dos clubes londinenses para retratar ás persoas na hora de peche. Como contraste, as imaxes seleccionadas de “La Finca” carecen de figura humana pero si hai unha fonda pegada de espazo vivido. De feito, son imaxes tomadas na casa dos seus avós e nelas homenaxea á súa familia.
O díptico “Papeis”, de Rubén Ramos Balsa, e o seu vídeo “Ver”, deixan tamén o rastro das querencias deste creador compostelán, moi interesado nas pontes entre arte e ciencia, no paso do tempo e o cambio temporal. “Traballa a idea de cambio, de mutación, o fluir lento do tempo como motor da aparición das diferencias”, explica Maneiro.
O salmantino Javier Núñez Gasco, controvertido e rupturista e sempre interesado en poñer o foco sobre as posicións de dominio, presenta “Prótesis para una bailarina”, unha acción na que “o seu corpo actúa como elemento paralizador da danza dunha bailarina”.
Tamén achega esta mostra a pintura dos brasileiros Marco Giannoitti e Rosana Ricalde. Ela presenta unha das obras da serie “Mares”, composta por varias follas de papel de arroz que compoñen un discurso a través da linguaxe, cos nomes dos ríos e dos mares. De Giannotti verase un dos seus enreixados, que transmiten a idea de recordo, de ruína, do arquitectónico dunha maneira velada.
A exposición convivirá ata o mes de novembro con “Esta canción atopeina tirada”, tamén comisariada por Mónica Maneiro, e centrada no movemento musical galego máis recente, que, de maneira autoxestionada, propoñen temas de distintos estilos. Triángulo de Amor Bizarro, The Blows, Fluzo, Novedades Carminha, Disco Las Palmeras!, Quant, Los Chavales ou The Telephones Rouges son algunhas das formacións que, desde o indie, o hip hop, a electrónica, o punk, o garaxe ou o power pop “están conseguindo gran repercusión, non só no ámbito das nosas fronteiras senón incluso, e grazas á difusión que posibilitaron as novas tecnoloxías, no resto de Europa, Latinoamérica e Estados Unidos”.