Unha auténtica xornada de medo, mais tamén de diversión, foi a que onte se viviu en diferentes puntos da comarca coa celebración da tradicional festa do Samaín. Unha das principais citas tivo como escenario o barrio de Catabois, onde un ano máis, da man da asociación de comerciantes, empresarios e hostaleiros ECHO Catabois coa colaboración do Concello de Ferrol, desenvolveuse o “Quilómetro do Terror”. A iniciativa, que incluíu o desfile das ánimas e o “Maldito Encontro” da Santa Compaña, reuniu a centos de persoas arredor dun programa que tamén tivo espazo para os certames, obradoiros e degustacións gastronómicas de “terroríficos” pinchos nos diferentes locais da zona.
Tamén en San Mateo se viviu unha intensa tarde coa festa organizada pola agrupación veciñal e o Padroado de Cultura do Concello de Narón. A tradicional comitiva de Luces e Tebras foi un dos principais reclamos dunha celebración na que tamén houbo obradoiros, como o do medo, música e degustacións de caldo.
Pontedeume, San Sadurniño ou Odeón foron outros dos moitos lugares nos que onte festexaron a a devandita data. l