O ciclo de cinema galego de novos talentos “Ficciónate” fai unha parada o venres en Ferrol

O ciclo de cinema galego de novos talentos “Ficciónate” fai unha parada o venres en Ferrol
O programa foi presentado onte nas instalacións do Concello de Ferrol daniel alexandre

O ciclo de cinema galego “Ficciónate”, o primeiro de pezas de curta duración que busca amosar os traballos dos novos talentos e alentar ás novas xeracións a que produzan e fagan industria creativa, fará unha parada este venres en Ferrol no marco do seu percorrido por diferentes cidades e vilas galegas.
A cita terá lugar no Cantón, a partir das 21.00 horas, e incluirá a proxección de catro obras: “Rancor”, de Miguel Morales (gañadora dos Premios Redondela en curto); “El Comediante” , de Óscar Cruz (dos creadores da exitosa webserie El Método Sueco); “Fálame do Silencio”, de Lois Blanco (seleccionada no Short Films from Galicia para mercados internacionais); e “Unary”, de Luis Avilés (gañadora do Premio Mestre Mateo en 2015).
Tralos pases dos filmes, os representantes de cada un manterán unha charla aberta co público asistente e unha tertulia que servirá, entre outras cousas, para analizar a actualidade do sector e abordar as creacións desde diferentes ámbitos do eido audiovisual, como a dirección, a produción, a fotografía, a promoción ou a interpretación.
A entrada será libre ata completar aforo. En caso de que a metereoloxía non acompañe, o ciclo trasladarase ao auditorio do Antigo Hospicio.
As catro curtametraxes de ficción, que viron a luz durante os últimos dous anos, “unen así forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público”, sinalan desde a organización.

filmes
As catro pezas tratan temáticas de rigorosa actualidade, tal e como avanzaron os responsables do ciclo. “Rancor” é a historia de Teo, un rapaz que durante a súa infancia sofre o maltrato, a desidia e a vexación de mans do seu pai, tendo a súa nai enferma. Tras graduarse nos seus estudos, volve ver ao seu proxenitor.
Logo deste drama, os espectadores poderán gozar do humor de “El Comediante”, protagonizada por Óscar, un rapaz que intenta traballar no mundo do humor facendo monólogos, atopando nas pantasmas do pasado unha fonte de inspiración.
“Fálame do silencio” reflexiona, pola súa banda, sobre as dificultades da xuventude de non atopar solucións ante os problemas laborais e persoais, “da preocupación de non ver saída, da frustración de buscar unha estabilidade e non saber ou non poder conseguila”.
Finalmente, “Unary” relata o primeiro día de liberdade de Lucas despois de 21 anos en prisión, enfrontándose así a unha nova vida.

presentación
O ciclo foi presentado onte no Concello de Ferrol coa presenza da concelleira de Mocidade e Universidade, Saínza Ruiz; Andrés Rozados, coordinador do programa; Lois Blanco, director da obra “Fálame en silencio”; e Miguel Díaz, director da produción de “Rancor”.
Tal e como explicou Rozados, “o proxecto nace da necesidade de prantexar un circuíto alternativo aos festivais e certames habituais, cunha orientación didáctica, instrutiva e con vocación cooperativa”. Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa coa colaboración de MT Producciones, Pixel Films e Porco Bravú co apoio do Concello de Ferrol.

O ciclo de cinema galego de novos talentos “Ficciónate” fai unha parada o venres en Ferrol

Te puede interesar