O campus de Ferrol abre as portas dos seus centros para dar a coñecer a súa oferta

A Universidade da Coruña abrirá as portas da Facultade de Humanidades e a Escola Politécnica Superior para dar a coñecer aos futuros estudantes e as súas familias, todo o que a UDC lles pode ofrecer a nivel académico tanto nas sesións informativas programadas sobre as titulacións como nas visitas guiadas ás instalacions, nas que poderán coñecer aulas, laboratorios ou espazos comúns como as bibliotecas.

Así, o 17 de xuño, ás 16.00 horas, será a xornada de portas abertas na Facultade de Humanidades e Documentación, na que se presentará oficialmente o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación (GXDID). O acto contará coa presencia de Antonio Prado, xefe de Documentación de NEWTRAL, a startup de contido audiovisual fundada pola periodista Ana Pastor e que traballa na producción de programas de televisión e novas narrativas en redes sociais e na innovación no periodismo a través do “fact-checking” (verificación de datos). Falará da gran importancia da xestión da información e as tecnoloxías de información na sociedade dos próximos anos. Pola súa parte, Nieves R. Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC, recentemente galardonada co Premio Nacional de informática Ángela Ruiz Robles, concedido pola Sociedad Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA, falará da súa extensa experiencia no campo das Humanidades Dixitais. Tamén intervirá o coordinador da titulación Miguel Rodríguez Luaces, que presentará o plan de estudos e abrirase o debate entre os poñentes e o público asistente. Finalizará cunha visita ás instalacións.

A visita á Politécnica Superior será o día 21, pola mañá e pola tarde. A xornada incluirá unha visita ás instalacións e laboratorios da Escola Politécnica Superior. Estas estarán divididas en dúas quendas: De 09:30h a 13:00h e de 16:00h a 19:30h. A inscrición está aberta a grupos ou persoas individuais. O percorrido está orientada ao alumnado interesado en cursar unha titulación no ámbito da enxeñaría ou titulación técnica. Tamén se programou unha visita opcional a Exponav (16.00 horas).

O campus de Ferrol abre as portas dos seus centros para dar a coñecer a súa oferta

Te puede interesar