A comarca viviu unha intensa xornada formativa arredor do folclore galego

Centro Cívico Social de Sedes Xornadas de Música Tradicional
|

A comaraca de Ferrolterra viviu onte unha intensa, divertida e tamén frutífera xornada arredor do folclore tradicional galego coa celebración de ata tres citas de carácter formativo noutros tantos municipios da ría. En Ferrol, o Real Coro “Toxos e Froles” convidou de novo á súa sede ao músico e compositor Xabier Díaz para impartir, nesta ocasión, un obradoiro de canto e percusión. 
Unha vez máis, o público respostou, cubríndose as 25 prazas dispoñibles. “Estas actividades teñen una moi boa acollida, sempre queda xente fóra”, comentaron desde a entidade. En febreiro contarán coa presenza de Quique Peón, que introducirá aos asistentes na muiñeira.
De bailes, precisamente, veu marcada a proposta que tivo lugar na Casa da Cultura de Neda. Ata alí levaron os membros de Os Cempés o espectáculo “Baile 100%” que veñen desenvolvendo desde a temporada pasada co obxectivo de gozar con danzas populares como o pasodoble, a mazurca romántica, o vals ou o chotis.
Ata nove bailes diferentes, “seleccionadas entre os máis doados para aprender e os máis divertidos”, comentan desde a formación. A celebración dun obradoiro de marcado carácter lúdico, “no que os participantes son os protagonistas”, e a posterior sesión de baile xunto ao mítico grupo de folk da comarca debuxaron a animada tarde no municipio nedés.
Pola súa banda, a asociación “Vai Rañala Meu!” organizou durante todo o día no centro cívico de Sedes as II Xornadas Formativas en Música Tradicional. Dirixidas a profesionais e afeccionados, incluíu tres propostas diferentes: Técnica Vocal –actividade impartida por Xiana Lastra–, Gaita –David Bellas–, e Zanfona –Germán Díaz–.
A presentación do cedé de Efraím Díaz “Pito Galego” e unha repichoca final formaron parte tamén dun programa cuxo obxectivo, segundo salienta a propia asociación, é “crear un marco formativo continuo para intérpretes de música e danza tradicional”.

A comarca viviu unha intensa xornada formativa arredor do folclore galego