“Tocar cunha orquestra fai que o barco se mova para un lado e para o outro”

“Tocar cunha orquestra fai que o barco  se mova para un lado e para o outro”

Luar na Lubre comeza o ano cun novo disco no peto que inclúe dous CDs e DVD, que vén a ser o resultado dunha experiencia única do grupo cando se xuntaron no Pazo da Ópera o pasado mes de xuño para levar os seus sons polo filtro da Sinfónica.

“Torre de Breoghán” preséntase no mercado para lembrar aquel momento no que os de Bieito Romero materializaron un proxecto que foron ensaiando a través de simulacións de instrumentos que 80 persoas interpretarían máis tarde. Para escoitar por vez primeira as melodías que a banda recolleu do “Libro das Invasións”. Estas conforman un dos CDs do traballo, onde a historia de Galicia se conta en 40 minutos: “É a banda sonora da ‘Historia dos Milesios’, de como Breogán chegou do mar Morto e fundou a Torre e de cando Ith, o seu fillo, descubriu Irlanda. Chegou alí e venceu”.

É por iso que esta parte pode pasar por un concerto didáctico tan estudiable nas escolas como a táboa de multiplicar. Cun Breogán de fondo “que aparece no himno, pero que pouca xente sabe del”. Conta Bieito que eles so fixeron a música: “Isto contárano os monxes irlandeses” nun libro que está custodiado no Trinity College de Dublín xunto con outros manuscritos “e do que formamos parte os galegos”.

Por outro lado, o primeiro CD recolle a traxectoria da formación coruñesa cos temas que máis se prestaban á versión sinfónica, “os máis orquestrables”. Tocados todos cunha variña conceptual. Así é como en “Torre de Breoghán”, o espectador poderá repasar no salón temas nos que o grupo se inspirou nos catro elementos xunto cos que rescatou da lírica medieval galaico-portuguesa e os clásicos.

Deste xeito, soará no salón aquel que fala de “Tu gitana” e o amante do folk irá ata Santiago para ver como chove. Sen deixar de facer parada en Camariñas. Romero conta que tampouco podían faltar os populares. Neste apartado, cólase “Ao pasar pola Coruña” e os segredos da saia máis famosa, a de Carolina. Desta maneira, o traballo engloba a esencia, “unha aposta valente e temeraria con moitos riscos por tratarse dunha superprodución” que había que facer si ou si, comenta Bieito. Para dar conta dun soño cumprido que non queda en saco roto.

A idea é volver a xuntarse a unha sinfónica aínda que de momento non hai nada confirmado. As partituras están grazas aos arreglos de Nani García e o espectáculo visual tamén. So falta unha batuta ao frente para facer que o navío surque os mares: “Tocar cunha orquestra fai que o barco se mova para un lado e para o outro. Impresiona”.

“Tocar cunha orquestra fai que o barco se mova para un lado e para o outro”

Te puede interesar