O terror na literatura protagonizará as Xornadas do Día do Libro en Neda

Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-17bf3b0e
|

Despois de “ver pasar” na última década a Cortázar, Kafka, Virginia Woolf, Manzoni ou Joyce, as Xornadas Literarias de Neda enfrontábanse na súa 13ª edición ao dilema do autor ou autora escollido para a súa análise. Quizais debido ao mal fado do número da convocatoria variou dun autor concreto a todo un xénero que goza de perenne interese, o terror. Baixo o título “Monstros de papel, o terror na literatura”, o Concello de Neda e a Universidade da Coruña (UDC) volven aliarse para organizar estas xornadas literarias. Así, o acto inaugural será o mércores 22 de abril na Facultade de Humanidades do campus de Esteiro cunha intervención da profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, Teresa López-Pellisa que falará sobre “Monstruos posthumanos, trasgénicos y biotecnológicos”. Unha conferencia que terá unha segunda parte ao día seguinte na Casa das Palmeiras de Neda, onde tamén estará o membro do CGAI, José Manuel Sande, que disertará sobre o terror no cine.

do papel á pantalla
A derradeira cita do encontro literario será o venres 24 coa xornada central destas “arrepiantes” xornadas, tamén na Casa das Palmeiras. Ás sete do serán os alumnos do clube de lectura do IES Fernando Esquío de Neda, dirixidos pola profesora María Dolores París Fraga, quen falarán do tema baixo o epígrafe “Pantasmas de papel”. A continuación intervirá o director da editorial compostelá Urco, David Cortizo, especializada en grandes autores do xénero. Ademais de falar de “O terror sobrenatural na literatura”, como o famoso ensaio de Lovecraft, traerá unha mostra bibliográfica do seu selo.
O profesor da UDC David Clark remata as charlas con “A literatura gótica irlandesa: antes e despois de Drácula”. O encontro pasará da literatura ao cine para finalizar cunha mostra de curtas de terror organizada coa colaboración de CortoEspaña.

O terror na literatura protagonizará as Xornadas do Día do Libro en Neda