“Estou convencido de que imos defraudar a moita xente porque é imposible contentar a todos”

“Estou convencido de que imos defraudar a moita xente porque é imposible contentar a todos”
Jorge Suárez Alcalde de Ferrol

Despois de sete meses, consegue o obxectivo de manter o contacto coa cidadanía?
Seguimos tendo reunións diarias con todo o tecido social, veciñal e cultural ademais dos cidadáns a título individual e procuro saír do despacho todo o que podo.

Hai colectivos que se queixan de que se toman decisións que lles afectan sen contar con eles: os comerciantes da rúa Real, os veciños de Ferrol Vello, os hostaleiros coas terrazas, as confrarías de Semana Santa.
Respecto á rúa Real iso non era unha peonalización, simplemente cambiouse un horario. Tivemos unha asemblea no Ateneo e comprometímonos a ter un encontro mensual que empezaremos en febreiro para falar de mobilidade e consensuar as nosas propostas, que esperamos aplicar xa este ano. A Semana Santa é un tema que está perfectamente solventado e que se anunciará cando se aproben os orzamentos. En Ferrol Vello explicamos ós veciños cada unha das situación dos edificios, que non son públicos pero que estamos indo a execucións subsidiarias. Recoñezo que aquí anticipamos a actuación á asemblea pero creo que ás queixas fomos dándolles solución unha por unha. Distinto é o das terrazas porque é un tema de accesibilidade que marca unha lei estatal que vai entrar en vigor o ano que vén.

Nestes sete meses, que proxectos se levaron a cabo?
Creo que estamos cumprindo en transparencia, en atención social, en atención á cultura local, pouco a pouco nos obxectivos que temos na policía de proximidade e en temas de obradoiros de emprego, de promoción económica, de subvencións ós comerciantes... Temos un programa cun cronograma específico e unha parte dos obxectivos para 2016 xa están cumpridos.

O PP quéixase de que o Concello está paralizado, de que non se lles transmite información, de improvisación.
O Partido Popular ten once concelleiros que teñen que xustificar que están aquí por algo, cobrar unhas dietas, ir a plenos e comisións, e é normal que fagan esa labor de oposición. Non quero falar do pasado pero é unha evidencia que nos últimos catro anos Ferrol non notou un cambio sustancial en ningún dos eidos fundamentais. Primeiro hai que facer un pouco de autocrítica. De todas formas manteño unha relación boa co Partido Popular e creo que cando cheguen os momentos dos grandes acordos de cidade van estar aí. E toda crítica da oposición é perfectamente lexítima e respectable.

Facilítaselles a información?
Eu insisto en que igual é necesario que fagan unha autocrítica dos catro anos anteriores. Nós facemos un esforzo constante de comunicar todas as decisións no seo das comisións, que é o órgano onde se levan a cabo eses debates. Iremos mellorando se esa queixa é fundamentada, e nalgunha área si que sucede máis que noutra polo precipitado do día a día, pero nós asumimos as críticas e procuraremos mellorar naqueles aspectos que sexan realmente obxectivos.


Faga tamén vostede autocrítica, que erros se cometeron?
O ritmo administrativo non coincide co ritmo político, require un tempo de adaptación. Iso afecta á elaboración dos orzamentos porque tes unhas limitacións moi importantes e te topas con que non tes o diñeiro para facer o que queres. É unha falta de rodaxe que agora mesmo está superada. E como erros, o que dixen, que nós estamos abertos a toda a cidadanía pero moitas veces o ritmo trepidante de tomar decisións xera algún conflicto social.

Non contaba con chocar cos ritmos da administración un funcionario de xustiza?
É que os funcionarios de xustiza somos moi eficientes (ri). Vaia por diante que eu non lle boto a culpa en ningún caso ó funcionariado. Temos un magnífico cadro funcionarial, aínda que escaso, pero falo dos ritmos de contratración e de desenvolvemento da tramitación administrativa.

Que o sorprendeu de entrar a traballar no Concello?
A título persoal sorpréndeme que todo o ruído político, fóra do entorno de plenos e comisións, desaparece e hai unha relación moi fluída cos membros da corporación. Iso causoume bastante sorpresa porque cando cheguei pensei que ía ser unha guerra constante de ideloxías pero logo ves que as persoas están por encima da política. Como sorpresa política valorei moitísimo o pleno apoio de todos os traballadores e traballadoras no mesmo momento de entrar no goberno pese a que poderiamos xerar un pouco de desconfianza polo tipo de organización que somos.

Cal é a crítica máis dolorosa?
Non me critican moito... Cando nalgunha rolda de prensa se insinúa que non traballamos, non é doloroso pero non responde á verdade. Eu dedico moitísimas horas do día a estar aquí no Concello traballando con todos os concelleiros. Chego ás oito da mañá e non volvo á casa moitas veces ata ás once da noite. Poderá cuestionarse a calidade do traballo pero non a cantidade de horas adicadas a Ferrol.

Cal foi o peor momento?
Aínda que non quero incidir nun tema pechado, cando se reflicten problemas internos do goberno que non nos axudan a traballar. E tamén cando no seo de Ferrol en Común ves algunha deslealdade que se fai pública, sabendo quen son, a través de comentarios nas webs dos medios. Resulta lamentable que teñamos un goberno de esquerdas na cidade que se preocupa fundamentalmente polas persoas e que os máis críticos veñan precisamente do interno da túa organización e sexan máis agresivos que os propios rivais políticos.

Que é máis difícil, poñer de acordo a FeC, poñerse de acordo co PSOE ou pactar coa oposición?
O máis difícil é poñerse de acordo co BNG. Non hai uns conflictos de fondo reais co PSOE nin no seo de FeC porque vamos na mesma dirección. Co BNG é máis complexo porque logo de apoiar a investidura sempre tiven a esperanza de que mantiveran unha actitude máis propositiva.

Mantén esa esperanza?
Si, eu creo que si. Si.

Se a saúde do pacto é de moi boa a excelente, que pasou coa cabalgata de Reis?
Foi un tema comunicativo, o procedemento é legal pero ás veces aceleramos as actuacións e logo quizais caemos na trampa de responder a roldas de prensa absurdas da oposición. Falamos sobre o tema, está solucionado.

Podemos esperar que se repitan explosións así?
Creo que hai proxectís da Guerra Civil que aínda estoupan agora pero non creo, non creo. Temos que ser honestos os uns cos outros, que cada un saiba o que fai o seu compañeiro de pupitre e non debera haber problema.

Ten confianza no seu equipo? Algúns concelleiros semellan estar nun segundo plano.
Todos teñen moita capacidade de traballo. Uns dan prioridade ó traballo cara a cara co veciño e outros, sen desbotar iso, consideran importante comunicar o que están facendo publicamente. É un aspecto secundario, non por dar máis roldas de prensa significa que traballes máis.

A realidade do goberno imponse ós principios?
Eu considérome unha persoa coherente, con principios e valores de esquerda irrenunciables. Iso non quere dicir que en decisións políticas concretas, como é o tema do Sánchez Aguilera, tomes decisións no seo do goberno, non persoais, para sacar adiante un punto vital respecto a ese espazo que está no corazón da cidade. Se manter as posicións que tiña vai supoñer que iso estará quince anos máis en estado de total abandono prefiro asumir algo que non comparto.

Aínda que haxa vivendas.
Aínda que se constrúan vivendas. Pero eu teño a esperanza de que o mercado inmobiliario poña as cousas no seu sitio e que esas parcelas non acaben construídas en vivenda nova. Non sei se algún construtor a día de hoxe estará disposto a meterse nunha aventura especulativa.

É unha gran parcela no centro da cidade.
Se finalmente sucede creo que será un erro dos que o fagan, sabendo que na cidade hai 9.000 vivendas baleiras e que, por desgraza, perdemos poboación. Pero se como contraprestación temos un grande espazo urbanizado que vai conectar o centro da cidade con Santa Mariña e con Catabois para conseguir un núcleo de cidade máis decente e máis habitable, é un mal menor que hai que aguantar.

Que ten de malo ser un político profesional?
Ten de malo que perdes a perspectiva total do coñecemento do que é a vida social. É bo que os políticos transmitan que aquí pode chegar calquera con interese e ambición lexítima de mellorar a sociedade pero instalarse durante vinte ou trinta anos afástate por completo e ó final é moi difícil separar os intereses persoais dos intereses da sociedade.

En que momento decidiu presentarse a alcalde.
Aínda que soe a falsa modestia, nunca me postulei, sempre foi por suxestión de colectivos que me ofreceron encabezar unhas primarias de Esquerda Unida e logo de Ferrol en Común. Asumín esa responsabilidade, non me arrepinto, iso vaia por diante, pero non foi unha decisión persoal senón colectiva.

E en que momento se deu conta de que podía ser alcalde.
Xa antes do nacemento de Ferrol en Común vía que Ferrol estaba vivindo unha situación crítica onde o goberno local sufría un desgaste importante. Pero realmente ata que saíron os primeiros sondeos da Televisión de Galicia o día das eleccións non tiña asumido que aquilo podería pasar. Foi unha euforia colectiva. 

Ten medo de defraudar as expectativas?
A percepción que teño é a de que van ter paciencia con nós porque saben que temos limitacións lexislativas e no orzamento. Pero esa paciencia algún día vaise esgotar se non ven algo concreto e palpable. Eu estou convencido de que imos defraudar a moitísima xente, non se pode satisfacer nesta cidade a tódolos colectivos. É algo co que hai que contar e ter a fortaleza suficiente para saber que é imposible contentar a todo o mundo.

Como é a relación coa Xunta, pensa que actúa de oposición?
Eu creo que si que actúa de oposición cando veñen aquí a actos oficiais de Navantia e non convidan ó alcalde de Ferrol. Paréceme un xogo infantil e mediático no que non penso entrar pero logo as relacións con algúns conselleiros, como o vicepresidente, o de Política Social ou mesmo o presidente da Xunta, son fluídas. Na política de comunicación están preocupados polo que poida acontecer no Estado e na Xunta nas vindeiras eleccións e estamos pagando o pato os gobernos de Santiago, A Coruña e Ferrol.

A crise da auga en verán foi o primeiro aviso?
Eu creo que si, aínda está coleando porque hai un expediente aberto da Xefatura Provincial de Sanidade a Emafesa, á que queren sancionar. Creo que foi un despropósito total e absoluto a xestión de Belén do Campo e da Xefatura Territorial de Sanidade. Nós fomos honestos e a táctica que tratou de emprender a Xunta volveuse na súa contra.

Navantia teno informado dos plans que hai?
Si, aparte da boa relación co comité de empresa teño unha canle de comunicación constante co director do estaleiro, Julio Martín, e tamén falei co presidente de Navantia, José Manuel Revuelta, sobre os barcos de Arabia Saudí. A relación con Navantia é excelente.

A perspectiva do contrato das corvetas é real?
O que me transmiten é que é absolutamente real e que se todo vai como pensan nos vindeiros anos xa se incorporan as fragatas de Defensa e haberá unha carga de traballo plena nos estaleiros da ría. Ogallá que sexa así.

Cando vai funcionar a EDAR?
Estamos cooperando con Augas de Galicia e coa Confederación Hidrográfica porque a obviedade é que a obra está mal feita e a responsabilidade é de quen a fixo. Iso é unha evidencia clara e manifesta. Logo poderá falarse de se a obra se recepcionou correctamente e se se comprobou que eses defectos existían.

O problema está en orixe?
Si, si, no hormigonado. Teño o compromiso de facer públicas as auditorías en canto teñamos a que falta, que é a de PW. Pero hai uns defectos de obra claros, evidentes, comprobables e defendibles incluso en terreo xudicial.

Haberá taxa ós veciños?
Hai unha directiva europea que obriga a cobrar a taxa por depuración, o que non estamos dispostos é a cobrar por uns defectos de obra estruturais que non imos pagar nós. Estamos nunha situación complexa e moi preocupante porque o caudal vai entrar e hai a responsabilidade de non dilatar moito a reparación do hormigonado. Para min as responsabilidades son clarísimas e xa se sabía cando se fixeron as publirreportaxes.


As obras de 2016 repercurtirán na taxa?
Nós queremos quitar da taxa o concepto polo préstamo de Acuaes. Trataremos de asumilo directamente desde o orzamento municipal. Ese préstamo é cuestionable pero está asinado e non quero acabar na cadea. Queremos unha taxa polo custo exacto da depuración: gastos de electricidade, depuración e persoal. Que non entre ningún préstamo, obra ou reparación.

Cando haberá orzamentos?
Están feitos, antes de pasalos ós grupos temos pendente un informe xurídico sobre o persoal para saber cantas prazas máis podemos ofertar e outro para ver con que contratos podemos ir cara ó rescate do servizo.

Non ter orzamentos limita a acción do goberno?
Non, o malo é que estamos gastando o diñeiro pero segue habendo iniciativas en cada unha das áreas. Os orzamentos prorrogados permítennos aprobar moitas actuacións. Non significa que estea paralizado o Concello.

É incompatible ser xestor con ser activista?
Xa expliquei que son un activista social e que non son un xestor dun consello de administración.

Pero xestiona.
Si xestiono, pero coa xente e non de costas a ela. Eu refírome a eses políticos profesionais que adican toda a súa vida a caerlle ben a algún conselleiro de administración para logo acabar na Caixa ou en operacións como Púnica, Gürtel, Bárcenas, etc.

Considera que esa crítica de que non saben xestionar ten un fondo clasista?
Eu xa escoitei de todo: perroflauta, paria, descamisado, barbudo, vigués... 

E tamén que se vaia porque non sabe xestionar.
Si, que son un burro. Non me gusta que nin da dereita nin da esquerda se requira unha carreira universitaria para chegar á política, que eu a teña é o de menos. Creo que a política busca o ben común e punto. Se tes as ideas claras e consideras un proxecto para o ben común, iso é a política. Para o demais están os técnicos habilitados, que son os que teñen que aplicar as decisións que ti queres tomar. Non só é unha afirmación clasista senón que é un desprezo que os pon en evidencia. Que a de político sexa unha clase social en si mesma é algo que hai que eliminar por completo. Eu apoiarei unha revolución só para eliminar iso. n

“Estou convencido de que imos defraudar a moita xente porque é imposible contentar a todos”

Te puede interesar