Canido despediu cun xantar na rúa a participativa edición dos Maios

Canido despediu cun xantar na rúa  a participativa edición dos Maios
O barrio ferrolán pechou onte a programación cunha nova e intensa xornada de propostas | daniel alexandre

Con moi bo sabor de boca pechou onte Canido a programación da festa dos Maios logo de cinco días de actividades respaldadas totalmente polo público. A implicación da xente nas actividades foi precisamente un dos aspectos salientados onte desde a asociación veciñal que desde hai algo máis dun mes preside Roberto Taboada.

“Estamos moi contentos, todo foi un éxito. Houbo un gran ambiente pola rúa facendo barrio, polos bares, tamén houbo moito seguimento nos concertos... todo funcionou moi ben e estamos moi contentos”, comentou o responsable da entidade.

Un excelente balance tendo en conta, ademais, que a organización da festa supuxo “a posta de largo” da nova xunta directiva. Pasada a celebración, será o momento de avaliar a repercusión da festa xunto aos hostaleiros e comerciantes, moi implicados na celebración.

Na liña das anteriores xornadas, a de onte, a derradeira, tamén gozou dunha gran variedade de propostas e moito ambiente no barrio.
Xunto á animación de Berros de Castro e Cabezudos desde as once da mañá, os cativos tiveron tamén a oportunidade de participar nos obradoiros infantíns programados por Espazo Vivo nos que puideron elixir entre opcións como o mundo minecraft, a fábrica de robots ou impresións 3D.

O concerto da Banda de Música Ferrolá, a actuación de capoeiro de Ronda Luanda e a celebración do “Toldo” solidario na Tafona precederon á sesión vermú e á comida veciñal “Ocupa a rúa” organizada como novidade este ano. Mesas, cadeiras e manteis ocuparon o barrio para saborear, ao aire libre e nun ambiente de festa, as viandas preparadas polos comensais para a ocasión.

Pola tarde, os xogos populares e tradicionais tomaron a zona do Campeiro e da rúa Poeta Pérez Parallé da man de Ubunto.
Unha sesión a media tarde con Ferror dj’s na Praza do Cruceiro completou a programación.

Canido despediu cun xantar na rúa a participativa edición dos Maios

Te puede interesar