Eva Veiga | “A poesía danos outra posibilidade de entender o mundo e de vivilo, e iso para min é alucinante”

Eva Veiga | “A poesía danos outra posibilidade de entender o mundo e de vivilo, e iso para min é alucinante”
Imaxe da poeta eumesa Eva Veiga

A Eva Veiga (Pontedeume, 1961) a poesía atrapouna cando só tiña catro anos. Lembra aquel intre con total precisión. Foi na escola, onde ela era a máis pequena. A lectura dun poema por parte da mestra deixouna tan abraiada que cando chegou á casa dixo que quería ser poeta. E así foi.

Convertida nunha das voces máis importantes da poesía galega, a eumesa vén de sumar un novo recoñecemento á súa creación: o Premio da Crítica Española 2016 en lingua galega que concede a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) pola súa obra “Soño e vértice”, merecedora tamén do premio de poesía Concello de Carral.

Como definiría o seu poemario?
É unha obra cunha linguaxe moi depurada adrede, quero dicir, traballada neste sentido de deixar a palabra o máis núa posible, o máis espida, con moito silencio polo medio. Eu creo que ultimamente a miña poesía traballa moito o silencio do verso e do poema, con baleiros e ocos que fican adrede.

E desde o punto de vista formal?
Desde o punto de vista do sentido, o libro traballa ou procura o sentido do soño como necesidade antropolóxica, necesidade do ser humano para proxectarse cara o futuro e tamén para transformar a realidade, que non sempre lle é suficiente. E non lle é suficiente non porque a realidade non dea de si, senón porque nela o ser humano precisa crear tamén, é unha característica humana, entón o soño axúdanos a crear, a imaxinar, e a imaxinación é fundamental. A poesía é imaxinación fundamentalmente porque crea imaxes que axudan a coñecer mellor a realidade, un modo de chegar á realidade doutra forma. A poesía é sempre a busca desa realidade máis profunda a través doutra forma de linguaxe. E por outra banda está tamén o soño que padecemos, o que soñamos cando durmimos e que a min me parece moi misterioso.

E o vértice, con que ten que ver na súa obra?
Ten moito que ver con esa desviación do traxecto que é a morte, con ese ángulo, con esa dureza, con esa xeometría que traza sempre o vértice. Entón aí atopa a morte como reflexión da vida. Para min a morte non é algo que ensombrece a vida; a reflexión sobre a morte é sempre unha reflexión sobre a vida.

En que momento xurde este poemario?
Chega nun momento no que reflexiono moito sobre a linguaxe poética, sobre a que sempre veño reflexionando, pero quizáis máis que nunca, a onde pode extremar a súa nudez. Pero non é algo que fago á forza, senón que para min é algo necesario no sentido de buscar e atopar sentido á dor, non só á propia, senón do mundo, que é algo que me bate na cara, que está pasando, que facemos con esa dor, que quere dicir. E cando escribo o libro estou nese momento. Eu creo que estou nese momento de esixencia co pensamento, unha esixencia de reflexionar máis fondamente.

Pode ter algo que ver nesa necesidade as graves problemáticas que se están a vivir na actualidade con cruentas guerras, crise de refuxiados...?
O que pasa aféctanos. Eu xa teño reflexionado sobre isto noutros poemarios. Sempre estivo presente en min o tema da guerra, por exemplo, ou da fame, que son problemas históricos do ser humano. E estes problemas determinan a nosa existencia. Agora estamos vivindo un momento terrible porque as guerras sucédense por todas partes e están chegando a nós a través dos refuxiados, etc. De repente os medios fanse eco, mais ou menos; as guerras toman formas diferentes das que tomaron ata agora, xa que logo tamén se compromete á humanidade de forma diferente. Pero ao mesmo tempo recibimos unha información que non sempre é a real do que está acontecendo alí, porque as guerras prográmanse e tamén o eco que van ter, porque iso forma parte da estratexia da mesma. Ás veces caemos no sentimentalismo e iso mestúrao todo. Entón para min é fundamental discernir, e fágoo desde a poesía, que é fundamentalmente emoción. E iso me levou a procurar unha linguaxe non neutra pero o máis espida posible.

Outórgaselle á poesía o papel que se merece na sociedade?
Neste tema estou a pensar estes días moi seriamente. Eu sempre digo que a poesía é fundamental, non é que sexa necesaria, é fundamental. Que pasa, que é prescindible e non comemos dela. Entón hai xente que pensa que non serve para nada. Sen embargo a poesía é fundamental en diversos aspectos moi importantes desde o meu punto de vista. Primeiro, danos outra posibilidade de entender o mundo e de vivilo, e iso para min xa é alucinante, porque a súa linguaxe é unha linguaxe alternativa; non é a linguaxe, a estrutura mental que vivimos normalmente. A linguaxe poética é unha linguaxe libertaria, que busca, e como busca apórtache outros recursos para percibir e construir o mundo. Non digo que sexa quen de transformalo. Pero si que me parece un recurso importantísimo, fundamental. Tamén creo que a experiencia estética que é a poesía como calquera outra arte achégate a outra dimensión da vida.

Eva Veiga | “A poesía danos outra posibilidade de entender o mundo e de vivilo, e iso para min é alucinante”

Te puede interesar