Narón prepara un Entroido cheo de propostas lúdicas e gastronómicas

Narón prepara un Entroido cheo de propostas lúdicas e gastronómicas
O edíl de Promoción Económica, Xosé Gómez Fandiño e a titular de Festas, María del Carmen Espada | d. alexandre

O Concello de Narón presentou onte o programa municipal para festexar o Carnaval. Este inclúe o Certame de Tapas de Entroido, que comeza o vindeiro xoves 28, e unha festa infantil con inchables e animación musical prevista para o venres día 1 na Praza do colexio de Xuvia. Esta celebración, organizada pola AVV Altea, dará comezo ás 17.00 horas. As dúas citas marcarán o inicio do Entroido en Narón.
Seguidamente, o sábado día 2 terá lugar o tradicional Festival de comparsas e tamén a décimo quinta edición da Festa do Cocido da Gándara. A edil de Cultura, María del Carmen Espada, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Gómez Fandiño, deron conta polo míudo da programación prevista para os vindeiros días.

O Festival de Entroido celebrarase o sábado día 2 de marzo. No mesmo participarán un total de dez comparsas. Do total, seis son de Narón (“Os Argalleiros”, da Gándara; “Tróupele, Tróupele”, da Gándara; “Semente Revoluçom”, de San Mateo; “Os Mangurriás”, de Xuvia; “Os Parrandolos”, de Piñeiros e “Os Colludos”, do Alto) e as outras catro doutros concellos (“A Revolta”, de Ferrol, “A Canteira”, de Neda; “Vide vindo”, de Ferrol e “Os trasnos”, de Valdoviño, esta última convidada polo Padroado da Cultura. Todas as comparsas participantes concentraranse ás 17.00 horas no Pavillón da Mocidade, desde donde partirá ás 17.15 horas a comitiva polas rúas Bispo Argaya, Villalba, Lugo, Wenceslao Fernández Flórez, estrada da Trinchera,
estrada de Castela, avenida de Santa Icía e avenida da Solaina. Será precisamente na pista polideportiva da Solaina onde, a partir das 18.00 horas, actuarán as comparsas do certame, que optarán a un total de tres premios, compostos por unha figura conmemorativa do Día do Entroido, que concederá un xurado integrado por un representante do Padroado da Cultura de Narón e un membro de cada unha das comparsas participantes. A orixinalidade dos disfraces, o enxeño das letras das súas cancións, a crítica, a calidade musical e os elementos da actuación vencellados á recuperación do Entroido en Galicia serán os elementos sobre os que se determinarán as puntuacións.


O Padroado da Cultura de Narón concederá unha axuda de 800 euros ás comparsas de Narón, que poderán incrementar en 100 euros máis se participan nestas datas no programa de dinamización da hostalaría e o comercio local. Ademáis repartirasen 400 euros ás formacións doutros concellos e outros 400 ás convidadas polo Padroado.
Durante o festival na pista da Solaina haberá un concurso de disfraces no que se premiará aos mellores. A compañía Teatro Ghazafelhos será a encargada de presentar o evento, no que actuará a banda musical Los Mecánicos. O sábado 2 tamén se celebrará a décimo quinta edición da Festa do Cocido da Gándara, e o día 3 haberá un pasarrúas pola zona urbana. Ademáis, o día 5 haberá unha marcha ciclista con salída do parque fluvial.

Narón prepara un Entroido cheo de propostas lúdicas e gastronómicas

Te puede interesar