O barítono ortegano Borja Quiza clausura o sábado o ciclo “Ferrol en clave lírica”

O barítono ortegano Borja Quiza clausura  o sábado o  ciclo “Ferrol en clave lírica”
Borja Quiza

O barítono Borja Quiza, unha das novas voces máis destacadas da ópera e a zarzuela en España, será o encargado de clausurar a primeira edición do ciclo “Ferrol en Clave Lírica”, o vindeiro sábado ás 20.30 horas no Auditorio de Ferrol. Na presentación deste concerto onte no Concello de Ferrol acompañado polo concelleiro de Cultura, Reyes García, Quiza, manifestou a gran carga emocional “de cantar na miña terra”, ao tempo que sinalou que “a xente de Ferrolterra ten especial gusto pola música”. Así mesmo, resaltou as boas impresións que a soprano Ainhoa Arteta lle transmitiu “comentoume que o Auditorio de Ferrol era moi bonito, cunha boa acústica e que a resposta do público foi impresionante”.

de mozart á zarzuela
O cantante ofrecerá, co acompañamento pianístico de Fernando Briones, un programa variado cunha primeira parte centrada en coñecidas arias de óperas de Mozart, Bellini e Donizetti e unha segunda na que terá maior protagonismo a zarzuela. Borja Quiza cantará esta tempada no Liceo de Barcelona e acaba de ter un gran éxito como “Don Giovanni” en Bélxica. Presentado en cidades como Milán, Roma e Toronto, sempre con éxito, baixo as batutas de directores de prestixio como Kent Nagano, Alberto Zedda, Jesús López Cobos ou Enrique García Asensio.
Alumno da prestixiosa Renata Scotto na Accademia Santa Cecilia de Roma, Quiza acadou recentemente excelentes críticas proclamándose triunfador da Gala de Zarzuela que ofreceu a Tempada Lírica, xunto a cantantes como Ainhoa Arteta, Antonio Gandía e Ana Ibarra. O barítono protagonizou para o cine a película “Io, Don Giovanni”, do veterano e prestixioso realizador aragonés Carlos Saura, que competiu na sección oficial do Festival de Toronto. Así mesmo, alzouse co Premio Lírico ao mellor cantante de zarzuela, que concede a crítica española.  
Coa actuación de Quiza chega á súa fin a primeira edición do ciclo “Ferrol en Clave Lírica”, polo que este ano pasaron a soprano Ainhoa Arteta e o barítono Juan Jesús Rodríguez.

O barítono ortegano Borja Quiza clausura o sábado o ciclo “Ferrol en clave lírica”

Te puede interesar