O Fondo de Compensación deixa preto dun millón de euros en Ferrolterra

Dez concellos da comarca resultaron beneficiados durante a presente campaña de varias liñas de subvención da Direción Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. O programa de axudas artellouse en tres vías: o Fondo de Compensación Ambiental (9.503.345,72.euros), a Orde de Veciños (2.400.000,00 euros) e a Orde de Infraestruturas (3.608.823,69 euros), o que fai un total de 15.512,169,41 millóns.
Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal destináronse 1.018.048,74 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (945.232,71 euros) e a Orde de Infraestruturas (72.816,03 euros), quedando deserto o programa destinado aos veciños. No que se refire ao Fondo de Compensación Ambiental a inversión superou os 9,5 millóns de euros en toda Galicia. Estas partidas destináronse fundamentalmente á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial.
Este fondo procede do canon eólico e dende hai xa sete anos beneficia aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, así como aos seus cidadáns, posto que subvenciona investimentos que melloran o entorno e a conservación do espazo natural.

O Fondo de Compensación Ambiental beneficiou aos concellos da comarca de Cedeira, Ortigueira, Mañón, Monfero, Narón, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valoviño.
Un dos proxectos máis ambiciosos é o da vila das Pontes, onde a achega da Xunta alcanzou os 263.699,45 euros. Unha partida orzamentaria coa que se mellorou a eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal como os centros educativos Monte Caxado e CEIP A Fraga. O Concello pontés tamén solicitou sufragar coa referida partida a adquisición dunha pá retroescavadora.
O CEIP Plurilingüe A Fraga pusúe unha superficie construida de 2.287 m2, nunha superficie de parcela de 8.114 metros cadrados. Trátase dun edificio proxectado no 1987 polo arquitecto Xosé Manuel Casabella para ser destinado a un centro de ensinanza xeral con 8 unidades. A estrutura do inmoble, a base de vigas e piares de formigón con cuberta de fibrocemento nos corpos das aulas e lugares administrativos, e de chapa sobre cercha metálica no patio central. Os cerramentos están revestidos cara o exterior cun aplacado de pedra ata media altura e o resto con acabado de morteiro monocapa, mentres que as carpinteirías exteriores son de aluminio con persiana cara o interior e os vidros, algúns son dobres con cámara, e outros son simples, sen rotura de ponte térmica. Unhas condicións que pouco axudan á hora de que non se perda temperatura nas datas máis frías do ano. O centro conta na actualidade con 170 nenos escolarizados.
Por outra banda, o CPI Monte Caxado, que pusúe unha superficie construida de 5.255 m2 nunha parcela de 11.695 m2. O centro conta con todas as etapas do ensino obrigatorio, con segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria. O colexio consta de 17 unidades e pusúe tres edificacións: un pavillón para Infantil e Primaria, outro para ESO e as dependencias de Dirección e Administración, ademáis do pavillón polideportivo.

Os dous centros educativos solicitaron as axudas da Xunta para proceder ao cambio das carpinterías exteriores, mellorando deste xeito a súa eficiencia enerxética. A mellora dos dous espazos contou cunha achega da Xunta de 159.770, 67 euros.
 

Rede Natura
A vila pontesa tamén solicitou con cargo ao Fondo de Compensación a adquisición dunha pá retroescavadora.
Amparándose na gran extensión de terreo que ten As Pontes, con 249,4 km2 e unha poboación de 10.399 habitantes, solicitaron unha achega de 100.600 euros pasa mercar a referida maquinaria, que dará servizo as 13 parroquias da vila: Aparral, Deveso, Bermui, Espiñaredo, Eume, Faeira, Freixo, Goente, As Pontes, Ribadeume, Seixo, Somede e Vilavella. O concello pontés tivo que xustificar tamén a grande riqueza ambiental, natural, así como forestal e ecolóxica da vila, que ocupa unha extensión de 2.295 hectáreas, para concorrer as devanditas axudas.
Para a dirección de obra da actuación nos centros escolares tamén se solicitou unha achega da Xunta por valor de 3.328 euros. En total, as axudas do Fondo de Compensación acadaron os 263.699 euros xa referidos.
Inversións en infraestruturas
A Xunta tamén aprobou un paquete de axudas destinado á mellora de infraestruturas e equipamentos nos diferentes concellos de Galicia. No tocante á comarca de Ferrolterra, percibiron achegas os consistorios de Cabanas (28.643, 27 euros), Monfero (4.432,80), As Pontes (33.043,73) e Valdoviño (6.696,23 euros), que sumou 72.816 euros.
Cabanas e As Pontes percibiron as achegas máis importantes, con 28.643 e 33.044 euros, respectivamente. O Concello cabanés empregou os cartos na mellora e o acondicionamento da pista polideportiva de A Lavandeira. Pola súa parte, na vila de As Pontes a inversión solicitada permitiu instalar un equipo biosaudable, e dotar de beirarrúas o poboado do Anquieiro. En Valdoviño renovouse o equipamento informático do Concello en virtude destes fondos, namentres que en Monfero dotouse de novos elementos de mobiliario ao salón de sesións da Casa Consistorial.

O Fondo de Compensación deixa preto dun millón de euros en Ferrolterra

Te puede interesar