No solto “Renacimiento regional. Por el Idioma Gallego”, que publicou La Voz de Galicia, o 10 de maio de 1916, nos días previos á constitución da Irmandade da Fala da Coruña, recollíase o texto dunha nota que lles remitiran para que avisasen a cantos simpatizasen, “cordialmente -no de modo tibio-”, coa causa do renacemento rexional galego e quixesen adherirse á “Liga de Amigos del Idioma (Hirmandá de Amantes d’a Terra)” que podían facelo dirixíndose a diferentes persoas de varias localidades: “ En Santiago, al doctor en Derecho y catedrático D. Luis Porteiro Garea; en Monforte, al también doctor en Derecho y notario D. Manuel Banet Fontenla; en Mondoñedo, a D. Eduardo Lence Guitián; en Cambados, al ilustre Ramón Cabanillas; en Orense, al poeta Noriega Varela; en Ferrol, al culto bibliotecario de “Airiños d’a miña terra”, D. Emilio Bidegain; en Madrid, a D. Aurelio Ribalta, y en La Coruña, a D. Manuel Lugrís Freire, don Leandro Carré o D. Antonio Villar Ponte”. Era unha mostra evidente do interese en que o movemento irmandiño tivese presenza no maior numero de localidades posibles do territorio galego e de fóra del. Iso é o que figuraría na cabeceira do voceiro A Nosa Terra, que aparecería catro meses despois: Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal.
Nesta angueira, o 28 de maio, dúas semanas despois da creación da Irmandade da Coruña, constituíase a de Santiago, nun acto presidido, precisamente, pola persoa da que falaba a nota aparecida no xornal: Porteiro Garea.
Case de seguido constituiríase a de Monforte de Lemos, o 15 de xuño, quedando Manuel Banet Fontenla, de quen se falaba na citada nota xornalística, como Conselleiro 1º. Banet Fontenla era un coruñés que rematara a carreira de Dereito en 1892 na Universidade de Santiago, que se doutorara na de Madrid, que exercera como avogado e que en 1899 gañou polas pertinentes oposicións praza de notario a desempeñar en Monforte, posto no que permaneceu ata 1930 en que trasladou a Compostela. Fora un activo militante agrario, un asistente ás reunións da denominada Cova Céltica e un dos académicos fundadores da Real Academia Galega.
Era, xa que logo, unha persoa que encaixaba perfectamente no paradigma de militante galeguista que deseñara Antón Villar Ponte no seu folleto Nacionalismo Gallego. Nuestra afirmación regional (asinado o 21 de marzo de 1916). Falaba Villar Ponte de que o galego acabaría por impoñerse en Galicia entre a burguesía de conseguirse incorporar á causa “núcleos de personas cultas o menos cultas, pero entusiastas”. Pertencía ao grupo dos que tiñan que defender o galego, aqueles que “somos para el vulgo, para la masa, intelectuales y elementos directores con justo derecho, y lo demás, valga la frase, se nos dará casi por añadidura”.
O resto da directiva presidida por Banet estaba formada polas seguintes persoas: Conselleiro 2º: Antón Dacal; Secretario: Ramón Piñeiro Pardo, Tesoureiro: Xulio R. Lecea e vocais: Atliliano Areses e Carlos Vázquez Mariño. Lecea e Vázquez Mariño, non tiñan a presenza do notario Banet, mais eran persoas vinculadas á revista Claridades, un semanario aparecido en Monforte precisamente no propio ano 1916 co subtítulo de Órgano de la Liga de Defensa Local.
Monforte acabaría pasando á historia do nacionalismo por ter sido sede en 1922 da IV Asemblea das Irmandades, na que se produciría o nacemento da Irmandade Nazonalista Galega e a grande escisión motivada por ela.
O ano fundacional de 1916 finalizaría coa constitución de tres novas agrupacións: as de Ourense e Pontevedra, que terían lugar o mesmo día, 14 de novembro, e a de Vilalba, dez días despois, o día 24.
Aínda que en medio ano, conseguiran poñer en marcha as Irmandades en seis localidades, así como botar a andar un boletín, con vistas a expandir a actividade galeguista, en 1917 a agrupación coruñesa decidiu constituír o “Comité de Acción Galleguista”, que axiña comezou un traballo de proselitismo e organización por medio de mitins, charlas e conferencias, nos que se destacaron como membros máis activos Porteiro, Lugrís, os irmáns Villar Ponte... Froito deste labor seguirían poñéndose en marcha Irmandades noutras localidades, a primeira delas a de Ferrol, o 20 de abril de 1917, á que seguiría a de Vigo, o 20 de maio, e xa o 30 de outubro as de Mondoñedo e Melide.
Na citada nota xornalística de chamamento á afiliación, figuraba como contacto ferrolán D. Emilio Bidegain, o “culto bibliotecario de ‘Airiños d’a miña terra’”. Sería precisamente no local da agrupación musical onde o citado 20 de abril se constituiría a agrupación ferrolá. n