O PSdeG-PSOE é o único partido dos que acudirán ás eleccións municipais en Ferrol que pechou xa a súa candidatura. A asemblea de militantes ratificou onte por aclamación unha proposta confeccionada pola vencedora das Primarias, Beatriz Sestayo, que tivera xa o respaldo unánime da executiva. Á asemblea asistiron 105 militantes
Estas eleccións municipais plantéxanse nun escenario político con moitas posibilidades abertas. Cre que o que suceda o 24 de maio será un punto de partida para os comicios autonómicos e xerais?
Penso que a clave municipal soe marcar aspectos diferentes coas outras eleccións. Trátase de votar un proxecto máis cercano e iso é o que máis lle importa ó cidadán. Non nobstante a diagnose de que hai unha situación política distinta é real e tentamos facer unha candidatura e un programa que dé resposta a unha sociedade viva e dinámica e que reclama outras cousas. Creo que estamos a altura nesta resposta.
Nun momento de clara de-safección hacia os políticos e á política en xeral, o PSOE leva a dous independentes nos primeiros postos (Felipe Sas e María Fernández Lemos). Foron difíciles de convencer?
Non. A verdade é que foi doado unha vez que comprobamos que tiñamos a mesma visión dos problemas dunha cidade que, se non aproveita esta oportunidade de cambio, está próxima a morrer. Aí vemos as cifras da estatística de poboación, unha sangría continua de xente que emigra de Ferrol. Hai necesidade de dar respostas modernas e áxiles á creación de emprego, a recuperación urbanística e social..., e unha vez que se comprobou que a diagnose e o proxecto eran os mesmos foi doado. Ademáis estou inmensamente agradecida tanto a Felipe como a María pola súa implicación entusiasta desde o primeiro día, así como aos compañeiros de partido pola magnífica recepción da lista. Quero recordar que se aprobou por unanimidade na executiva.
Pero ese apoio formal non oculta que hai quen desde a propia executiva cuestiona a candidatura, e tamén, precisamente, a elección deses profesionais independentes.
O obxectivamente certo é que se aprobou por unanimidade e ningunha persoa puxo obxecións, todo o contrario. Ademais na lista van profesionais do partido e independentes comprometidos co proxecto socialista e teño o inmenso orgullo de contar con persoas referentes da esquerda en Ferrol, como Fernando Ocampo, José Luis Martín, Carlos Piñeiro e un sitio honorífico para Antonio Fraga (o último dos suplentes), que é o militante máis antigo e que sufriu represión nos peores tempos. É unha candidatura representativa do que é Ferrol. E por certo, algo que teño clarísimo é que se pode ser profesional e de esquerdas, son termos absolutamente compatibles. O meu caso, de feito.
Ao ser o primeiro partido que ten definida a totalidade da lista queda por diante moito tempo para facer campaña.
Queriamos pechar pronto o proceso da candidatura para explicar á cidadanía as propostas. Creo, con humildade e honestidade, que temos un proxecto moi interesante para a cidade e moi innovador e o que máis nos interesa é falar coa cidadanía, non estar nos procesos internos. En segundo lugar penso que é unha mostra de que o Partido Socialista ten os deberes resoltos, mentres outros todavía teñen que facelos. E en terceiro lugar, o alcalde e o goberno municipal –por certo con enormes fisuras entre eles– están en campaña desde que decidiron abrir as rúas incomodando aos cidadáns para facer nos últimos catro meses o que non fixeron en catro anos. A diferencia é que o PP utiliza os cartos públicos para facer campaña mentres nós facemos propostas que só custan ilusión e traballo, non diñeiro.
Estes meses que faltan para as eleccións plantéxanse tamén como unha situación de interinidade para o grupo municipal, sobre todo tendo en conta que ningún deles vai na lista. Hai que asumir que a política e as votacións de aquí ao 24 de maio van seguir as pautas marcadas pola nova candidatura?
Temos unha relación cordial co grupo, magnífica co portavoz, que foi un dos primeiros en chamarme para amosar o seu apoio á lista. Estase producindo maior confluencia e espero e confío en que siga sendo así.
Despois da aprobación da lista na executiva non se quixo pronunciar sobre o abandono do seu escano de deputada. Ten xa algo previsto?
Eu entendo que a acta de deputada, aínda que legalmente e dos parlamentarios, así o di o Tribunal Constitucional, por ética non é só miña senón do partido e polo tanto poñerémonos dacordo todos para tomar unha decisión sobre esa cuestión. Mentres non a tomemos conxuntamente no partido non vou dicir nada. É un debate que non está aberto e que cando se abra se pechará para todos igual. En todo caso o escaño hoxe é útil para Ferrol e seguirei utilizando todas as vías que teña como deputada para defender a cidade ata o momento das eleccións.
Como se pode aportar máis á cidade, desde o goberno municipal ou como deputada?
O goberno municipal, cando se fai ben, transforma de inmediato a realidade. Como concelleira de Servizos Sociais no goberno de Irisarri así se fixo. Un bo goberno municipal cun bo proxecto pode transformar a cidade, pero obviamente tamén é bo ter boa relación coas administracións, e é bo ademais liderar reclamacións que teñen que ver con outras competencias. Teño claro que se me dan a confianza haberá moitas xuntanzas e moi cedo en ministerios e na Xunta. Non imos consentir que se pisotee á cidade e necesitamos a alguén que se plante e esixa o que a Ferrol lle corresponde, non a alguén insensible coa cidadanía como o actual goberno municipal.
Hai algo de certo en que estas eleccións se plantexan como un “todos contra o PP”? En que disposición estaría o PSOE para pactar un goberno multipartito?
Creo que o Partido Socialista presenta un proxecto – feito coa cidadanía desde hai xa casi dous anos– e ten unha candidatura, con humildade, magnífica, cun compromiso exclusivo con Ferrol desde o punto de vista progresista. E creo que é quen de ter un proxecto maioritario para poñer Ferrol en hora, para que esta cidade empece a vivir e a palpitar. Imos traballar por ter a maioría suficiente para gobernar porque temos un proxecto completo e para iso pido o apoio. Si o día despois houbera que pactar con algunha forza de esquerdas habería que sentarse. O diálogo é parte do ADN do Partido Socialista, pero son rotunda, non haberá pacto co PP.
A alternancia no goberno acostuma a vir acompañada de cambios mesmo radicais con respecto a proxectos do mandato anterior. Así o fixo o PP con moitas actuacións do Urban. Hai algo co que rachará se chega á Alcaldía?
Creo que como regla xeral se debe continuar o que está ben e intentar parar o que sexa dañino para a cidade. Hai obras que o goberno acaba de iniciar e que foron deseñadas polo anterior, como o centro cívico de Canido, que paralizaron para que non parecera que era do PSOE. Eu non farei iso. Do que si poden estar seguros é de que eu non quero un ascensor na Costa de Mella mentres espazos públicos e edificios se caen e a xente pasa fame. Esas non serán as prioridades do Partido Socialista. Nin as adxudicacións a última hora que pretenden hipotecar o futuro dos cidadáns, como a que pretenden coa limpeza, de casi 10 millóns de euros. Non imos derribar o que xa esté feito, non se poden despilfarrar os cartos públicos, pero levamos tempo denunciando esas extranas prioridades. Como a praza de Armas, onde o parking está caéndose e o PP en vez de reformar a praza, como estaba comprometido, o que propón é botar terra enriba e poñerlle unhas flores. É intolerable que se gasten os cartos en facer un cemiterio do podre. Nós o que faremos será reformar a praza de Armas.