As actividades en homenaxe a Rosalía de Castro continúan en varios municipios da comarca

As actividades en homenaxe a Rosalía de Castro continúan en varios municipios da comarca
Imaxe da mostra de San Sadurniño

A conmemoración do 183 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro encara a recta final na comarca de Ferrolterra coa celebración de varias propostas hoxe en diferentes concellos.

En San Sadurniño, a Casa da Cultura acolle a partir das 19.00 horas as derradeiras actividades en lembranza da autora de “Follas Novas” cun evento musical, literario e audiovisual.

A sesión abrirá coa proxección da peza “Negra Sombra”, producida polo artista dixital Pablo Millán para a terceira edición do Chanfaina Lab. Tamén se visualizará, no decurso da función, un pequeno documental que recolle o traballo desenvolvido na escola infantil municipal de A Rolada no marco do obradoiro Espazos das Familias. Este apartado audiovisual completarase co pase de varios videopoemas gravados no curso sobre manexo do móbil ofrecido pola Aula CeMIT en Lamas.

O evento –con entrada libre– estará conducido pola rapazada do Club de Lectura da Biblioteca e contará ademais coa lectura colectiva de varios poemas e coas actuacións da Escola Municipal de pandeireta e do Coro de cantos de taberna que botou a andar hai algúns meses en San Sadurniño.

Premios

Durante a sesión entregaranse os premios do “reto” lector lanzado pola biblioteca municipal ao longo de 2019 e tamén se procederá ao sorteo da lámina que ilustra a exposición da galería municipal, obra do artista gráfico Juanlu Nacha.

Outra das propostas do concello de San Sadurniño en tributo a Rosalía consistiu na exposición colectiva dirixida á veciñanza e que contou cunha gran participación. Así se reflicte no número de cadros presentados, un total de 90, deseñados coa participación de 270 persoas entre particulares, colectivos e alumnado dos centros de ensino local. A mostra leva por título “Aló no recuncho máis fermoso” e decora as paredes da galería do Concello.

Moeche

Tamén hoxe en Moeche terá lugar unha homenaxe á poeta. Será a partir das 11.30 horas na nave do Mercado e será desenvolvido polo Consello Local da Infancia e a Adolescencia, que aproveita a ocasión para seguir traballando na reivindicación dos dereitos das persoas falantes de linguas minorizadas, como é o caso do galego.

Farán unha lectura colectiva de poemas rosalianos dando a posibilidade de que calquera poida sumarse. Logo, sobre as 11.45 horas, achegarán a experiencia “Falando coas nosas maiores”, coa que pretenden estudar e coñecer as diferenzas xeneracionais á hora de se relacionar co galego. O programa rematará cunha “xincana rosaliana” aberta a todos os públicos en equipos de catro ou cinco persoas.

As Pontes

No municipio das Pontes, a Casa Dopeso acollerá ás 12.00 horas a proxección da película documental “Seixo”, centrada na relación de Rosalía de Castro coa fábrica de tecidos da devandita parroquia mugardesa.

Intervirán Juan Carneiro, Miguel Rodríguez e Jorge Gómez, autores do libro “A festa do Seixo, na beira do mar. Rosalía e a fábrica”. A entrada e libre.

As actividades en homenaxe a Rosalía de Castro continúan en varios municipios da comarca

Te puede interesar