A bandeira galega nos concellos (LXI)

A bandeira galega nos concellos (LXI)
Padre Legísima

Na sección “Noticias de Vigo” do diario coruñés “El Orzán”, do domingo 29 de maio, podemos ler:
“El Ayuntamiento desestimó por unanimidad una instancia presentada por los elementos galleguistas pidiendo que en los actos oficiales ondease la bandera gallega al lado de la nacional”.
O acontecido foi o que motivou o expresado na carta que, poucos días despois, lle enviou Varela do Campo a Manoel Antonio da que falei na entrega anterior, ademais da resposta que o poeta quixo dar a aquel nada comprensible proceder dos representantes municipais vigueses.
O número de 15 de xuño d’A Nosa Terra, baixo o título “De Vigo / Terra ceibe /Aos bos galegos”, acompañado dunha nota na que se indicaba: “Isto publicado n’unha folla, espallouse pol-a cidade de Vigo. E un documento valente e rexo, que honra aos firmantes d’ele”, reproducía o texto do escrito de protesta contra ese acordo municipal elaborado e asinado por Xavier Soto e Manoel-Antonio, militantes da Mocedade Galeguista de Vigo, que, como xa vimos, tomaran parte na III Asemblea celebrada semanas antes na cidade.
Comeza explicando os pasos do acontecido:
“N’a derradeira xunta celebrada pol-o noso concello municipal, tratouse d’unha instanza firmada pol-os membros que asistiron a terceira Asambreia Nazonalista, feita n’ista cidade, en que afincaban a petición presentada pol-a ‘Mocedad Galeguista de Vigo’ pidindo que n’os autos oficiaes ondeara n’o Pazo Municipal, y-a carón d’a bandeira hespañola, a Bandeira d’a Nosa Terra.
A moción presentada, falla de apoio por insuficienza de dinidade d’os que din chamarse galegos e soio, como dixo certo escritor, ‘son galegos n’a partida de nacemento’ foi por unanimidade votada en contra.
Ista ‘unanimidade’ redúxose a tres concellaes que tomaron a verba pra espallar os tópicos de cote, mais dexenerados aínda pol-a sua incultura, e dous mais que asintiron a ises tópicos co-a concencia chea de lan,
Tamén había outro concellal,o mais chamado a prestar o seu apoio, que saiu no intre en que se puña a discusión a instanza. Pra iste desleigado e mal fillo de Galicia, temos o desprezo que todo o noxento produz ás persoas. A quen, mais que pol-o seu saber y-a sua axuda (que pra si a agarde) pol-a sua constanza en esmolar y-arrastrarse, chegou a ocupar o posto a que chegou de membro académeco, mirámol-o con lástema.
E pra os tres asalariados d’unha patrioitería ruin e baixa de seu, teríamos mais que verbas ‘ramaxe d’amieiro’, pro contennos o respeto á vellez y-á decadenza..
Solo eisí, contando c’o prestixio d’unha cabeleira ruza, se pode falar como iles falaron e dicir que o idioma castelán debe ser o úneco; soio eisí se pode sentenciar (sentenza d’escravo d’a diosa iñoranza) que a bandeira d’os galegos debe ser a hespañola”.
A seguir, manifestan que o noxo e a vergoña que sentiron impediranlles calar a súa protesta e deixan á claras que “A única Patria que reconecemos, Galicia, ten a sua fala i-a sua Bandeira”. E volven sobre a actuación dos concelleiros vigueses para indicar que, quizais, fixeran ben en votar en contra, pois, segundo eles, tendo en conta o dito por un dos edís sobre os ríos de sangue e ouro da súa “a nosa Bandeira, que só os ten de ceo, ía a desparellar moito co-a hespañola.
E, como non se consola o que non quere, chegan á conclusión de que “Nós galegos verdadeiros, os ‘bos e xenerosos’, lembrándolles ben de que a Bandeira é azul e branca, fagamos que denantes d’ondear n’os Pazos de noxentos concellos, tremole n’os nosos peitos, e dispois de que eisí sexa xa ondeiará n’os concellos, pese a quen pese doándolles o prestixio d’a sua pureza”.
O texto da folla voandeira remata:
“Y-o tomar como aldraxe o labor d’ises concellaes que confunden a cotío o patriotismo co-a patrioteiría; o renegar d’iles coma d’estranxeiros, sexa soio coma un pulo que nos force a non decair, a que loitemos de novo, que a Luz d’a Xustiza está a chegar hastra nós y-a Liberdade de Galicia ven por propia virtoalidade! co-ila chegará a hora de que nós teñamos pra iles a cavaleirosidade qu’iles non souperon ter con nosco.
E a todol-os seus desprantes teatraes, con que queren encarantoñar unha impodente agunía, contestemos cheos de azo e Fé.
Terra a Nosa”.
Malia a súa lonxitude, considerei oportuno reproducir o texto case na súa integridade porque fai referencia a un tema non moi coñecido. Entre outras cousas, penso, porque o propio voceiro irmandiño que contribuíu á súa divulgación apenas informou no acontecido nos diferentes concellos nos que se presentou a solicitude de petición da presenza da bandeira nas sedes municipais en días sinalados, en cumprimento do acordado pola III Asemblea ao respecto. A prensa diaria tampouco aporta información para podermos coñecer o que aconteceu. Houbo máis solicitudes aparte das da Coruña e Vigo? Foron a pleno e rexeitáronse como en Vigo? Non as tomaron en consideración e nin sequera as levaron a pleno? Descoñézoo. O que si sabemos é que a petición do concelleiro nacionalista Luís Peña Novo, o concello coruñés aprobou facer ondear a bandeira o 25 de xullo, como habemos ver.
Mais por esas datas, ademais do sucedido en Vigo, tiveron lugar algúns acontecementos que penso que paga a pena recoller aquí.
Na sección “Peneirando” do mesmo número d’A Nosa Terra no que se reproducira a folla de Manoel Antonio e Xavier Soto, 15 de xuño, dábase a seguinte noticia:
“Publicou un artigo ‘El Ideal Gallego’ no que asegura que a Raíña doña María Cristina, fala, inda que con acento estranxeiro, moi ben a lingua da nosa terra, da que é unha grande admiradora.
A moitos cursis agora lles parecerá doce e fermoso o galego por falalo unha dona coma María Cristina.
Pois moitas raíñas o falaron antes que ela. Y-a maoría do noso pobo fálao aínda.
Quenes o non falan son os señoritos valeiros e algunhas entidades que se chaman enxebres e galeguistas.
Pois millor para doña María Cristina se conece o galego”.
Efectivamente. Na primeira plana do número de 2 de xuño do diario católico coruñés, asinado Goiriz (Madrid, mayo 1921), aparecía o artigo “Doña Cristina, habla gallego”. O articulista relataba un feito, que lle acababa de contar o P. Juan R. de Legísima, un seu antigo amigo e compañeiro da infancia, que tivera lugar nunha exposición de ornamentos sagrados para igrexas pobres que organizaran os padres franciscanos. Acudira a visitala a raíña e o padre Legísima tivera o pracer de acompañala e de lle dar as oportunas explicacións da mostra. Este, segundo se nos di, contoulle que no percorrido, á vista do seu ben conservado acento galego, a raíña, case afirmando, lle preguntara se era do país ao que respondeu que si, que de Monforte, educado en Ferrol e na Coruña e logo, xa de franciscano, en Santiago. Daquela, pediulle: “-Pois fáleme en gallego; gústame moito aquela terra”. Vendo que se expresaba con certa soltura e co mesmo acento estranxeiro que tiña en español, accedeu, coa sorpresa de que a raíña continuou a conversa máis dun cuarto de hora “expresándose constantemente en gallego y con una facilidad, una seguridad, que seguramente no tienen al hablar el idioma del país el cincuenta por ciento de las señoritas de las ciudades de la región (desde luego el 50 por 100 de las ferrolanas hablan ¿peor?, hayan sido o no de la ciudad departamental”. Conclúe Goiriz manifestando que habería que sentir orgullo de que “la madre de nuestro Rey haya tenido el cariñoso cuidado de aprender nuestro idioma, como ella se enorgullece de conocerlo y hablarlo”.
Poucos días antes, concretamente o domingo 5 de xuño, tivera lugar en Elviña a romaría conmemorativa da fundación das Irmandades. A Nosa Terra, no solto “A festa da fundación das ‘Irmandades / A Romaría a Elviña”, en ton optimista, anunciaba a súa celebración no número do 31 de maio:
“As ‘Irmandades’ sempre rexas e cada vez mais fortes e mais dispostas a loitaren pol-o ben da Terra, non poden esquecer nunca aquela xornada histórica. E queren por iso que a festa relembrativa da mesma teña cada ano maor releve”.
Por iso chamaban á xente a participar:
“O domingo, pois, é seguro que tódol-os imáns que non atopen causa que llo impedimente, acodirán ao souto d’Elviña, onde han disfroitaren d’unhas horas campestres cheias de ledura.
¡Viva a festa das ‘Irmandades’!”.
Reseña do acto atopámola no xornal Acción Coruñesa / Periódico defensor de los intereses de la capital de Galicia, de 6 de xuño, baixo o epígrafe “La romería de la ‘Irmandade da Fala’”:
“En el cercano lugar de Elviña sed celebró ayer la romería organizada por la ‘Irmandade da Fala’.
Concurrió a la fiesta numeroso público.
Varios gaiteros y pianos de manubrio animaron la fiesta, organizando un animado baile, que duró hasta las primeras horas de la noche. El regreso a la ciudad se hizo en grandes grupos que no cesaron de divertirse en un solo momento.
No se registró nota alguna desagradable”.
 

A bandeira galega nos concellos (LXI)

Te puede interesar