O Día das Librerías pon o foco de atención nun sector en crise que une o negocio e a cultura

O Día das Librerías pon o foco de atención nun sector en crise que une o negocio e a cultura
Alumnos del Concepción Arenal Visitan la Librería Nobel

Con limitado entusiasmo celébrase hoxe o Día das Librerías, unha data elixida hai catro anos por Cegal (Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros) para que cada 28 de novembro fose reivindicado como “unha festa coa que queremos recordar que un libro é sempre unha excelente adquisición e que o mellor lugar para facela é, sen dúbida, unha librería”. A xornada fai que algún destes comercios prolongue algo máis o seu horario e que haxa un 5% de desconto no prezo dos libros. Tamén haberá un concurso no Twitter de Cegal.
En Ferrol poucos motivos hai para celebrar a festa. Hai apenas tres meses pechaba a librería Quijote, un referente con case 50 anos de traxectoria. Segundo o seu propietario, José Luis Santalla, facíao por “melancolía”. Fronte a áreas comerciais que venden best sellers, o ebook, de venda on line ou pirateado, ou a desafección de lectores novos, as librerías están a vivir con forza a crise do sector, pero tamén a xeral e apropia da cidade.
Semellan demasiadas frontes abertas para seren optimistas.

Tecnoloxía
Hai apenas tres anos abría na rúa Galiano a librería Nobel, a última que o fixo no centro de Ferrol. O seu responsable Fernando Ramos destaca que a súa visión do futuro “non é moi positiva. As dificultades para a pervivencia son moitas. Aí está a venda por Internet, o ebook (vendido ou pirateado), ou as superficies comerciais que apostan pola literatura de consumo”. Posteriormente, e atendendo ao lado positivo, Ramos equilibra un pouco a balanza. “Tamén é certo que nós ofrecemos accesibilidade, a nenos e maiores cunha oferta ampla, sobre todo de literatura infantil que é a que nos está facendo salvar o negocio. Ademais unha librería sempre pode ofrecer orientación ou asesoramento ao cliente. Por outra banda, Internet ten tamén ou seu lado positivo, porque os clientes poden consultar os fondos, coñecer máis sobre un libro e se lle interesa, encargalo”, comenta.
Desde a rúa Dolores, Miguel Justo, da Central Librera, confésase “nin optimista nin pesimista”, e abunda: “Ter unha librería en Ferrol supón un problema engadido, e non hai nada máis que ver como está o centro, cun problema de circulación dos coches e aparcamento letal para calquera negocio”.

Fondo de catálogo
En canto ao mundo do libro en si, Justo salienta: “Hai lectores que mercan pot Internet grazas ás novas tecnoloxías, pero hai que reivindicar ao libreiro por proximidade, que é capaz de recomendar libros fóra dos típicos best-seller, e obras locais, como no caso de Ferrol, ou minoritarias. Despois de tantos anos no sector, nós temos un fondo de catálogo importante, con libros moi difíciles de conseguir. Hai quen falaba de especializarse (por exemplo, en Vigo abriu unha librería de temática gai que aquí sería inviable), pero xente como nós temos que especializarnos en moitos ámbitos porque hai que facer caixa”. Resumindo, Justo conclúe cunha queixa gráfica: “Somos profesionais que facemos un dobre salto mortal, estar nunha cidade como Ferrol e ser libreiros”.
Hai nove anos que Mako Valle montou “Cantón 4”, a súa percepción do presente é que “hai que traballar moito, ten un fondo moi renovado e unhas marxes de beneficio moi pequenas”. No seu caso non teme ás novas tecnoloxías: “xa vin varios casos de xente que mercou un ebook e volveu ao papel. Todos coincidían na diferencia da lectura a favor do papel para a comprensión da propia historia. Sempre haberá libros”.
Para Valle a clave é a estratexia das grandes editoriais, que ás veces teñen unha política de saturación de novidades pola necesidade que teñen de facturar”. Desde Cantón 4 ten claro que “a xestión e a experiencia fan moito, incluso por enriba da crise, pero hai que ter claro que o 70% dos peches son pola política dos proveedores, non pola xente de a pé”. No seu caso, despídese cun fenómeno curioso: “2013 foi un ano nefasto, pero 2014 mellorou a partir do verán polos ferroláns retornados a súa cidade”.
Fóra do centro de Ferrol, na Gándara de Narón, a librería Day leva funcionando 23 anos. Desde ela Antonio Martínez resume: “Vivir disto é moi complicado. O que máis se vende é o libro infantil e algunha novidade, pero tirar para adiante exclusivamente da venda de libros é inviable. No noso caso hai que compaxinar coa papelería e prensa. E pelexando moito”.

O Día das Librerías pon o foco de atención nun sector en crise que une o negocio e a cultura

Te puede interesar