A Área Sanitaria de Ferrol atendeu en 2020 a 895 pacientes nos circuítos asistenciais establecidos para chegar canto antes a unha diagnose no caso de sospeita de padecer cancro. As que se coñecen como “vías rápidas” funcionan para sete tipos de cancro: de colon, de mama, de próstata, de pulmón, melanoma, cabeza e colo e o de vexiga. A súa finalidade é a de que o tempo que transcorra entre que se diagnostica a sospeita ata que se fai a primeira actividade terapéutica sexa inferior a 30 días. Para iso é clave a coordinación e a formación de equipos multidisciplinares cos profesionais implicados.
Selecciónanse pacientes con alta sospeita, segundo os criterios profesionais, activando o proceso tamén desde Atención Primaria, e proponse a proba complementaria (endoscopia dixestiva, broncoscopia, TAC ou mamografías, segundo o caso) e o plan terapéutico (cirúrxico ou médico) que se precise.
O cancro de mama foi o que tivo maior número de pacientes dentro destas vías rápidas, con 250; ségueo o de próstata, con 155; o de cabeza e colo con 122; e o de vexiga con 119 persoas. 98 pacientes foron atendidos polo circuíto de cancro colorrectal, 88 de pulmón e 63 de melanoma.
Cancro e Covid
Os datos da atención en 2020 déronse a coñecer no Día Mundial contra o Cancro, unha data que en plena pandemia ten especial relevancia polas dificultades de manter a mesma atención aos enfermos durante a emerxencia sanitaria –incluso estiveron paralizados os programas de cribado de cancro de mama e de colon– e de detectar os novos casos.
É unha alerta que lanzan desde entidades como a Asociación Española Contra el Cáncer, que reclama un acordo para acadar a equidade na prevención da enfermidade, na convivencia con ela e no acceso aos resultados da investigación. A esta campaña pode adherirse calquera cidadán na web www.acuerdocontraelcancer.com.
Nun comunicado, desde a asociación provincial da AECC, da que dependen a delegación ferrolá, lémbranse datos estatais coma o descenso dun 21% de novos diagnósticos durante o confinamento, a redución do número de pacientes atendidos nos hospitais de día e a disminución da actividade diagnóstica –un 30% menos de citoloxías e un 23,5% menos de biopsias–. Tamén resaltan os danos psicolóxicos e emocionais e o prexuízo económico para os pacientes diagnosticados, agravado na situación actual.
A delegación ferrolá da AECC instalou unha mesa informativa diante da súa sede ao longo da mañá para manter a actividade pegada á rúa malia que a situación impide realizar outras accións máis directas.
Cedeira
A data tamén se lembrou nos municipios das comarcas. En Cedeira, por exemplo, ilumináronse de verde o edificio consistorial e o Palacete, para sensibilizar sobre a incidencia da enfermidade e sobre a necesidade de combatela con máis investigación.
“Pese ao Covid, o cancro segue aquí”, apunta Teresa Beceiro, presidenta da xunta local da AECC. “O feito é que se están a retrasar os diagnósticos e os tratamentos e o diagnóstico a tempo salva vidas”.