O novo ciclo de cine do Dúplex dedicarase a Martin Scorsese

Diario de Ferrol-2015-01-31-021-3af1870a_1
|

O Dúplex, en colaboración co Concello de Ferrol, volve ofrecer proxeccións gratuítas dedicadas a grandes figuras da sétima arte. En febreiro, marzo e abril revisarán a filmografía do realizador estadounidense Martin Scorsese, comezando por “Taxi Driver” (de 1976) e chegando ata a máis recente “El lobo de Wall Street” (de 2013). Entre estas dúas veranse outras sete películas que dan conta dunha carreira chea de éxitos lendarios acompañado por actores fetiche como Robert de Niro e, nos últimos tempo, Leonardo DiCaprio.
As proxeccións realizaranse os xoves, ás 20.30 horas, con entrada gratuíta e en versión orixinal subtitulada. Comezarán o 12 de febreiro con “Gangs of New York”, de 2002, unha historia épica sobre o Manhattan do século XIX con Daniel Day-Lewis e Leonardo DiCaprio e que tivo dez nominacións ós Oscar. Scorsese gañou o Globo de Ouro á mellor dirección.
O 19 de febreiro verase “Un dos nosos” (1990), historia de gangsters con Robert de Niro, Ray Liotta e Joe Pesci (Oscar ó mellor actor secundario). O director conseguiu o León de Plata ó mellor director no Festival de Venecia. En “Shutter Island” (2010), volve ser DiCaprio o protagonista, nun thriller psicolóxico no que investiga a desaparición dunha asasina nun hospital psiquiátrico instalado nunha remota illa. Proxectarase o 26.
O clásico “Toro salvaje” (1980), con De Niro no papel do boxeador Jake La Motta, polo que conseguiría un Oscar ó mellor actor, abrirá a programación de marzo (o día 5). Á semana seguinte de novo De Niro encherá a pantalla, acompañado por Sharon Stone e Joe Pesci, en “Casino” (1995), unha historia de mafia en Las Vegas. Xa o 19 de marzo, con “El cabo del miedo” (1991) medirán as súas forzas Nick Nolte e Robert de Niro, este último no papel dun desquiciado en busca de venganza no avogado que o mandou ó cárcere. É un “remake” dunha cinta de 1962.
Marzo rematará con “Infiltrados” (2006), una cinta pola que Scorsese ten un Oscar á mellor dirección, pese a ser finalista nesta categoría ata en oito ocasións. DiCaprio e Matt Damon encarnan a un policía e a un criminal que se infiltran nas liñas inimigas.
En abril proxectarase no Dúplex “El lobo de Wall Street” (2013), unha trepidante narración do ascenso dun “broker” con ambicións e poucos escrúpulos que encarna DiCaprio.
Como remate do ciclo, o 16 de abril verase “Taxi Driver”, filme icónico de 1976 que inaugurou a relación de DeNiro (quen xa viña de gañar un Oscar no 74 pola segunda parte de “O padriño”) con Scorsese e que gañou a Palma de Ouro en Cannes.

O novo ciclo de cine do Dúplex dedicarase a Martin Scorsese