Con motivo da conmemoración o vindeiro venres día 7 do Día das Universidades Saudables, a UDC celebrará toda esta semana unha serie de actividades nos diferentes campus.
O programa será inaugurado esta mesma mañá na Facultade de Ciencias de Educación da Coruña pola vicerreitora de Ferrol e Responsabilidade Social Araceli Torres, acto ao que seguirá unha exposición sobre dúas experiencias, unha guía de hábitos saudables e un curso on line na web do Sergas. Serán explicadas por Elvira Ferrer, vicepresidenta da Fundación Indaga e Octavio Sucasas, director da docencia.
As propostas previstas no campus de Esteiro darán comezo mañá martes, na Facultade de Enfermería e Podoloxía, onde terá lugar unha charla sobre a “Saúde baseada na complexidade e Método Holónico”. Será impartida por Samuel Carmona a partir das cinco da tarde. Ao día seguinte, desenvolverase un almorzo saudable na Clínica Universitaria Podolóxica (situada no Hospital Naval) que dará comezo ás nove da maña.
ciencias do traballo
Tamén na xornada do mércores, a Facultade de Ciencias do Traballo servirá de sede para a charla que o nutricionista Juan Iglesias impartirá sobre hábitos de vida saudables e que irá acompañada dunha degustación de produtos.
Xa na semana do 17 ao 21 de outubro, o tema dos hábitos e forma de vida saudable chegará ao alumnado da Universidade Senior do campus con varias charlas impartidas por profesorado da UDC.