Arjé Teatro abrirá o sábado o Ciclo Pontedeume en Obras

Un momento da celebración do tradicional concurso primaveral do municipio de Pontedeume | daniel alexandre
|

O grupo eumés Arjé Teatro, que vén de celebrar o seu vixésimo aniversario, será o encargado de inaugurar este sábado o V Ciclo de Teatro Pontedeume en Obras coa representación da súa montaxe “Final de película”. Será ás 20.30 horas no salón de actos do IES Breamo, escenario polo que ao longo de todo o mes irán pasando as formacións participantes nesta edición.
Así, o 12 de maio será a quenda da compañía O Aturuxo de Melpómene, coa obra “Terapia de bar”, para o día 19 poder gozar coa obra “Anónima 18” de Ditirambo Teatro A Coruña.
O peche do ciclo terá lugar o 26 de maio da man dos eumeses DameCuerdaQueTeatro e o seu traballo “Relato Traidor”.
Exposición
De xeito paralelo, o día 11 de maio ás 19.00 horas na Casa da Cultura, procederase á inauguración da exposición “Outra pel, outro rostro”, da fotógrafa Cris Andina.
O traballo, tal e como informan desde o Concello, constitúe unha homenaxe á figura das actrices e actores de teatro nos que se captan os momentos do antes e despóis da súa caracterización.
Arredor de corenta montaxes dan forma a unha mostra na que se poderán ver os traballos realizados con actores e actrices da talla de Javier Gutiérrez, Kiti Manver ou Sergio Pazos, así como os realizados cos das compañías eumesas Arjé Teatro e DameCuerdaQueTeatro.
A exposición poderá visitarse ata o día 26 de maio en horario de 12.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.

Arjé Teatro abrirá o sábado o Ciclo Pontedeume en Obras