Seivane e Riobó, no cartel do XXXV Festival Irmandiño que terá lugar os días 22 e 23

Seivane e Riobó, no cartel do XXXV Festival Irmandiño que terá lugar os días 22 e 23
moeche irmandiño

Festa e reivindicación histórica irán un ano máis da man no municipio de Moeche con motivo da celebración do XXXV Festival Irmandiño. O programa, previsto para os próximos días 22 e 23 de agosto, incluirá este ano como novidade un asalto infantil ao castelo de Moeche, escenario principal dunha cita coa que desde hai máis de tres décadas se lembra a loita dos campesiños contra o poder feudal.
A actividade dará comezo na xornada do venres día 22, a partir das dez da noite, co espectáculo de monólogos “Nabiza girl” a cargo de Isabel Risco (Premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto 2014). A continuación será a quenda da música co concerto de No Cómbaro e unha repichoca popular. Chegarase así ao día grande do festival, o sábado. A partir das once da mañá todas as persoas que o desexen poderán visitar o castelo totalmente de balde así como as exposicións organizadas para a ocasión.
Haberá unha de fotografías antigas tanto de Moeche como dos arredores, pertencentes ao arquivo de Fernando Campos, quen foi alcalde do municipio entre 1987 e 1995; e outra de pintura na que ata o momento está confirmada a participación  do artista afincado en Valdoviño Manuel Carballeira.
Os nenos serán a partir das cinco da tarde os protagonistas da xornada con motivo da celebración da primeira edición do asalto infantil á fortificación.
Ás sete dará comezo unha competición de xogos populares no campo do festival, donde a partir das dez da noite chegarán as actuacións musicais. A banda de gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón precederá ás actuacións de Riobó, Susana Seivane e A Requinta da Laxeira.
O xornalista ferrolán Germán Castro será o encargado de ler a partir da medianoite o pregón que dará paso ao asalto do castelo para rememorar as revoltas irmandiñas. A Asociación Cultural Irmandiños de Moeche, que como todos os anos ten á venda camisetas do festival, agarda que o tempo acompañe para atraer ata o municipio a milleiros de persoas. n

Seivane e Riobó, no cartel do XXXV Festival Irmandiño que terá lugar os días 22 e 23

Te puede interesar