Cedeira despedirá o verán con “Cantos e contos ao solpor”

Cedeira despedirá o verán con “Cantos e contos ao solpor”
Paula Carballeira actuará o día 19

Con “Cantos e Contos ao Solpor”. Así despedirá o verán o municipio de Cedeira. O Concello ten programada unha nova edición dun ciclo que incluirá eventos culturais a pé de rúa e espectáculos que, por primeira vez, se trasladan tamén ás parroquias.

A actividade dará comezo este sábado día 12 de setembro coa representación da peza de narración oral “Costureiras” a cargo de Ángeles Goás e Felipe Díaz (Coxoto). Será ás 20.00 horas na Praza da Rectoral.

A segunda cita do cartel, prevista para o día 19, terá lugar no local social de Torroiba (Cervo), a partir das oito da tarde. Desta volta, será a actriz e escritora Paula Carballeira, natural de Fene, a encargada de interpretar a obra “Historias de arrepío”, unha sesión de contacontos para gozar de medo coas historias da tradición oral galega.

O mes de setembro rematará cun monólogo cómico a cargo de Pedro Brandariz. Será o día 26, ás 20.00 horas, no local social da AVV San Román. O actor analizará a vida dos galegos en canto á súa cultura, idioma e familia na proposta titulada “Profundizando na Galiza profunda”. A derradeira sesión do ciclo desenvolverase o 3 de outubro coa obra “Divas de Diván”, interpretada por Ángeles Goés, Vero Rilo e Carmen Conde.

O local social de Saa (Esteiro) será, a partir das oito da tarde, o escenario no que as tres actrices xuntaranse arredor dunha mesa mentres pican produtos da terra e contan historias da erótica do país.

O Concello de Cedeira lembra que será obrigatorio o uso de máscara en todos os espectáculos e que as cadeiras iranse asinando por orde de chegada coa intención de garantir a distancia de seguridade entre os asistentes.

Cedeira despedirá o verán con “Cantos e contos ao solpor”

Te puede interesar