O cuarteto musical galego De Vacas leva o seu variado repertorio ao Pazo da Cultura

De Vacas ofrecerán o sábado un concerto no Pazo da Cultura naronés
|

A axenda cultural do Padroado da Cultura de Narón inclúe para este sábado, ás 20.00 horas no Pazo, o concerto do cuarteto musical galego De Vacas.
A formación, integrada polas voces de Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado en compaña do músico Guillerme Fernández –que traballou con recoñecidos grupos como Berrogüetto–, ofrecerá un repertorio variado de temas recuperados nun formato fresco e divertido durante un concerto no que non faltarán as emocións e risas a partes iguais.

O grupo comezou a súa andaina en 2015, ano a partir do cal iniciaron unha traxectoria ascendente forxada tras versionar cancións de consolidados artistas do panorama musical tanto estatal como internacional.
As útimas entradas para o concerto deste sábado poden ser adquiridas aínda na billeteira do Pazo e na web www.padroadodecultura.es. O prezo é de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).

Programación
Tralo concerto desta fin de semana, a programación do Padroado da Cultura de Narón seguirá a ofrecer, nos vindeiros meses, variados e destacados espectáculos artísticos, a través dos que o Concello naronés aposta por chegar a arte e a cultura en todas as súas mnifestacións aos veciños e veciñas, tal como salientou a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada.
A presidenta do Padroado e alcaldesa do municipio, Marían Ferreiro, subliñou pola súa banda a calidade dos espectáculos que se sucederán nos vindeiros meses, incidindo na súa varidade “con teatro e música dirixidos a persoas de diferentes idades, tratando así de desenvolver unha programación que sexa do agrado de todas as novas veciñas e veciños e que contribúa tamén a que continúen vindo ao Pazo persoas doutros concellos”, comentou.
 

Ozores y Tejero
No cartel previsto entre os meses de abril e xuño figuran recoñecidos actores como Adriana Ozores e Fernando Tejero, que forman parte do elenco da obra de teatro contemporáneo “La cantante calva”, coa que se abrirá o mes de abril –será o día 6–.

Tralo concerto de Ismael Serrano o sábado 7, o domingo 15 –18.00 horas– será a quenda para o teatro infantil, neste caso coa obra “Patapatúm”, da compañía Elefante Elegante. Pechará ese mes o grupo Talía Teatro, con dúas funcións da peza “O servidor de dous amos”, os días 20 e 21, ás 20.30 e 20.00 horas, respectivamente.
No mes de maio –os días 4 e 5– subiranse ao escenario do Pazo María Vázquez, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez, José Barato e Mercedes Castro para poñer en escena a montaxe “A leituga”, da compañía Eme2.
O 12 de maio será o concerto de Sés, ao que sucederá, o domingo 20, a compañía Pistacatro Produtora de Soños para representar "Outono", dirixida a todos os públicos. A música voltará o 9 de xuño con Rozalén (20.00 horas), mentres que o día 17 os actores galegos Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán ofrecerán ao público a súa comedia “Somos Criminais”. Desta haberá dous pases, ás 18.00 e ás 20.30 horas.

As entradas para todos estes espectáculos poden ser adquiridas na billeteira do Pazo ou na web do Padroado.

O cuarteto musical galego De Vacas leva o seu variado repertorio ao Pazo da Cultura