Roberto Casteleiro: “Este é un proxecto de electrónica onírica; é música para viaxar, para imaxinar”

Roberto Casteleiro durante a súa actuación na final do pasado sábado no Teatro Colón | c.a.
|

Coa segunda posición, que para el ten sabor a victoria, resolveu Roberto Casteleiro (Ferrol, 1982) o seu paso pola final do Concurso Fran Pérez “Narf” celebrada o sábado no Teatro Colón da cidade herculina. “A verdade é que non contaba con chegar tan arriba. Cando escoito aos demais, sempre me parecen que son mellores; e ademais realmente eu sempre ando en terra de ninguén: demasiado experimental para os festivais convencionais e moi pouco experimental os que non o son tanto”.

O ferrolán, que desde hai anos vive na Coruña, presentouse á convocatoria con “Koroiev”, o seu proxecto de música electrónica en solitario e que, como el mesmo conta, naceu hai xa uns doce anos como resposta ás súas inquedanzas de facer bandas sonoras e que foi derivando cara unha viaxe  musical da que foron saíndo varios discos.

O último, “Valverde”, foi publicado a finais do pasado ano pola firma ferrolá Ferror Records. Nel, xoga a crear unha xeografía mítica do Máis Alá partindo das lendas atlánticas das cidades asolagadas.

A súa é música “electrónica onírica”. Esta é a “etiqueta” coa que el define o seu proxecto. “É unha música para viaxar, para imaxinar, son músicas que van dun punto a outro, e cando chegan ao final xa non sabes como comezaban; é un pouco como os soños. E a miña música creo que é, precisamente, para viaxar, para deixarse levar”.

Con “Valverde” chegou tamén este ano á final dos Premios Martín Códax da Música. “O que me está a pasar con este disco e que vai camiñando solo”, comenta. A súa presenza nestes certames musicais tradúcese nunha maior difusión dun traballo que Casteleiro desenvolve de xeito semiprofesional e que nos últimos anos veu compaxinando coa súa labor como educador social. 

Autodidacta, conta que foi en 2008 cando, logo de superar unha grave meninxite, comezou a encher parte do seu tempo creando música electrónica  e poñendo a súa imaxinación á disposición dun proxecto recoñecido agora polo xurado formado por Xurxo Couto, Xiana Arias, Aitana Cuétara, Marcos Otero, Belén Regueira e Marcos Rodríguez.

O Concurso Fran Pérez “Narf” ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos de artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico e compositor que lle dá nome. 

“Koroiev”, que recibiu un premio de 2.000 euros como segundo clasificado, tomou parte na final do pasado sábado xunto aos outros catro grupos finalistas: Caldo (gañadora do certame); Momboi (terceiros); Ukestra do Medio (cuarta posición) e “Crnds”, quintos.

Roberto Casteleiro: “Este é un proxecto de electrónica onírica; é música para viaxar, para imaxinar”