Francisco Conde | “Os 18 proxectos apostaron por sectores diferentes, o que demostra que en Ferrolterra hai espazo para a diversificación”

Francisco Conde |  “Os 18 proxectos apostaron por sectores diferentes, o que demostra que en Ferrolterra hai espazo para a diversificación”
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, durante o Demo Day celebrado no CIS de Ferrol | d. alexandre

A poucos días de que dea comezo a segunda edición do programa “Go2Work”, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, recoñece como un éxito do seu departamento estes espazos colaborativos que impulsaron na comarca de Ferrol 18 proxectos de diversos sectores.

O compromiso da Xunta é seguir apostando por estes programas que favorecen a diversificación industrial e económica.

Como valora a primeira edición destes espazos colaborativos?
Foi unha iniciativa moi positiva, que tivo unha boa acollida e pola que seguimos apostando cunha segunda convocatoria. En total, ata agora, puxéronse en marcha sete espazos coworking en colaboración coa Escola de Organización Industrial que facilitaron a preto de 150 emprendedores en 120 proxectos desenvolver a súa creatividade e as súas ganas de innovar.

E no caso concreto de Ferrol, que destacaría?
Son 18 proxectos interesantes vinculados co territorio e que teñen como elemento común a innovación. Entre todos temos que apoiar o talento e a innovación porque estamos convencidos de que son as dúas chaves que nos abrirán as portas cara a unha maior competitividade.
Os proxectos desenvolvidos en Ferrol encaixan á perfección coa nosa filosofía e sería unha gran noticia que este espazo coworking se convertera nun punto de referencia para o desenvolvemento da I+D+i galega.

Tendo en conta o peso da industria naval na comarca, que lectura fai de que ningún dos proxectos estea relacionado co sector?
Nun principio pode resultar sorprendente, con todo, que todos e cada un deses 18 proxectos apostasen por un sector diferente é unha mostra de que en Ferrol hai espazo para a diversificación.
Precisamente, diversificar a actividade económica da comarca de Ferrolterra ten que ser un obxectivo común das administracións. Debemos seguir colaborando nestes proxectos que impulsan outros sectores e que supoñen unha nova oportunidade para a comarca.

A maioría dos proxectos desenvolvéronse no ámbito urbano, sería necesario un maior impulso do emprendemento no rural?
Os espazos coworking están abertos a todo tipo de proxectos, independentemente da súa localización. A aposta polo rural ten que levarnos a impulsar a formación e o emprendemento e os coworking son un espazo adecuado. Estamos a intensificar a presenza de oportunidades de negocio para o rural.

Que papel xoga o emprendemento para a recuperación dunha comarca cos niveis socioeconómicos de Ferrol?
A posta en marcha de novos proxectos emprendedores é fundamental para a revitalización e a incorporación da innovación ao tecido produtivo ferrolán. Desde a Xunta seguiremos potenciando o emprendemento en Galicia durante os próximos anos prestando especial importancia, tamén, ao emprendemento industrial, conxugándoo cunha aposta pola diversificación económica da comarca.

E dentro da folla de ruta da consellería?
Facilitar o emprendemento e axudar a quen se decide a poñer en marcha un negocio é unha das nosas grandes liñas de traballo porque consideramos que son unha peza clave tanto para romper coa inercia do tecido empresarial como para actuar como motor do cambio cara a un novo modelo produtivo.
En 2016 creáronse un 16% de empresas máis que durante o ano anterior, por iso temos que seguir apoiando aos emprendedores, os autónomos e as pemes, porque son os que achegan un maior dinamismo aos nosos sectores produtivos.

Que outros programas ten en marcha a consellería para favorecer o autoemprego?
Seguimos mantendo o acento sobre o emprendemento, con axudas directas como as do Galicia Emprende e o Galicia Rural Emprende. De feito, a dotación conxunta para estes dous programas duplica, en 2017, as cifras do pasado ano.
Este compromiso cos emprendedores reflíctese, tamén, nos préstamos directos ou participativos, a través do Igape ou do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras de Xesgalicia; cos programas de bonificación de préstamos ou microcréditos bancarios, a través do programa Galicia 1000; ou con axudas ao emprego.
Este programa de emprendemento forma parte dunha rede de aceleradoras que temos instalada por toda Galicia. Falamos de apoios por valor de 12 millóns de euros nos últimos catro anos; aceleradoras como a Business Factory Auto (BFA) en Vigo, ou como Agrobiotech en Lugo e Ourense.
Pero tan importante como as axudas é ofrecer aos máis novos tanto a formación necesaria como as nosas ferramentas administrativas, así como facilitar unha comunicación máis directa coa administración. Por este motivo, puxemos en marcha o ano pasado a oficina Doing Business.

Existe algún campo ou sector que sería especialmente importante potenciar dentro deste programa “Go2Work”?
A Xunta está a centrarse no emprendemento nos ámbitos industrial e rural e, ademais, todo o que estea relacionado coa innovación supón unha gran oportunidade para facer máis competitivos tanto ao tecido empresarial galego como aos futuros profesionais que o integrarán.
Na innovación está a clave para afrontar futuros retos, para que Galicia se desmarque, ofreza un produto único e diferenciado que lle permita consolidar e fortalecer a súa economía.

Que previsións existen en canto ao número de proxectos que se poñerán en marcha na comarca nas próximas edicións?
A nosa previsión é realizar tres edicións máis durante os próximos dous anos co obxectivo de que deste espazo poidan saír novos proxectos que demostren todo o talento e todas as ganas que hai nesta comarca de Ferrol por emprender novos negocios e novas oportunidades laborais.

Francisco Conde | “Os 18 proxectos apostaron por sectores diferentes, o que demostra que en Ferrolterra hai espazo para a diversificación”

Te puede interesar