O Aturuxo de Melpómene reflexiona sobre a crise en “Desencaixados”

O Aturuxo de Melpómene reflexiona sobre a crise en “Desencaixados”
Diario de Ferrol-2014-09-22-009-97b58e73

A crise económica ten un impacto emocional pero tamén nos corpos dos cidadáns que a padecemos. Así que o teatro físico semella unha elección moi ben acaída por parte de O Aturuxo de Melpómene para facer a súa particular achega sobre a situación. “Desencaixados (Esperpéntica crise)” é o título da función que desde esta asociación formada por exalumnos da Escola de Actores e Actrices de Narón propoñen para esta temporada. Estrearana o 12 de outubro no Auditorio (praza de Galicia), dentro do ciclo de teatro afeccionado que realizan cada ano e que comezará xa a vindeira fin de semana. Será ademais o espazo no que se despida unha peza xurdida tamén no seo do grupo, a través de Carrachanacacha, “Comendo pementos de Padrón con Tarantino”.
“Desencaixados é un espectáculo traxicómico que reflexiona sobre a crise”, comentan desde O Aturuxo. “Solución non aportamos ningunha, aínda que quizais na propia reflexión estea a solución”. Trátase dunha creación colectiva que desde o teatro físico quere dar “un aire diferente” ás montaxes que fixeran ata o de agora. Pablo Sánchez dirixe coa axuda de Chus Prieto a un elenco do que forman parte María Veiga, Iván González, Juanín Ares, Óscar Manso, Tere Rúa e Agustín Bolaños.
Empregan para a posta en escea materiais “pobres” como o cartón, o papel ou o trapo e tamén o vestiario sofre de carencias para axudar a conformar un esperpento que sexa o espello deformante da realidade.

das catro provincias
O ciclo Teatro con Melpómene comezará este venres no Auditorio de Narón (praza de Galicia), onde se desenvolverá ata finais de outubro con media ducia de funcións nas que, xunto co traballo dos anfitrións, poderanse ver obras de formacións das catro provincias galegas.
Gargallada Teatro presentará o 26 “O anel máxico”, de Cándido Pazó. É unha obra para tódolos públicos que se poderá ver, como as demais, a partir das oito da tarde, con entrada gratuíta.
Tomara o relevo O Trasno con “Consuelo”, a nova montaxe da compañía viguesa, dirixida a un público adulto e que presenta un monólogo a dúas bandas. Será o 28 de setembro.
“A república de Gundián”, de Andaravía, será a obra da que se gozará o domingo 5 de outubro. Trátase dun “sainete futurista”, como o definen, que ofrece unha sátira do momento actual situando a acción no 2031, centenario da Segunda República.
O Aturuxo estreará “Desencaixados (esperpéntica crise)” o 12 de outubro e o 19 será a quenda de Achádego Teatro, grupo lugués que porá en escea “O barco sen mariñeiro”, unha peza estreada en Bos Aires hai case setenta anos e que mantén a súa actualidade no conflito entre o mundo das finanzas e o dos mariños.
Como remate ó ciclo Carrachacanacacha (grupo que xorde dentro da asociación O Aturuxo de Melpómene) pechará o telón definitivamente para “Comendo pementos de Padrón con Tarantino”, escrita e dirixida por Leandro Lamas e que se estreou en xuño de 2009.
A entrada a tódolas funcións é gratuíta e ademais os asistentes recibirán un agasallo conmemorativo, así como rifas para o sorteo de dúas entradas a un dos espectáculos do Pazo da Cultura de Narón. Farase ó final da última función.
O ciclo de teatro que organiza O Aturuxo de Melpómene conta co apoio económico da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e da Xunta de Galicia, así como coa importante colaboración do Padroado de Cultura de Narón. Tamén coordinan outras actividades semellantes que se realizan nas parroquias da localidade, achengado as propostas teatrais a tódolos recunchos e idades.

O Aturuxo de Melpómene reflexiona sobre a crise en “Desencaixados”

Te puede interesar